A “marca España” identifícase co capitalismo castizo do BOE, condenado ao fracaso como todos os capitalismos que non respectan dúas liñas vermellas: a cohesión social e a libre concorrencia. Rajoy, como bó Rexistrador da Propiedade, acredita máis nos aranceis, nos basculeiros e nos listeiros ca na innovación e competencia. Mentres Madrid, cun 20% do PIB estatal, duplica o nível que por economía produtiva habería acadar. Velaí a Marca España.
Diante desta catástrofe, é absurdo subordinar a “Marca Galicia” a esta decadente referencia. Como tamén, probábelmente, confrontala. O máis intelixente é facer marca propia, de noso. Porque Galicia é relativamente ben coñecida no ámbito europeo, latinoamericano e, potencialmente, lusófono, sobardando con moito os 500 millóns de persoas de público obxectivo que reside nos espazos territoriais que coñecen o noso País no mundo. E desfrutamos de elementos referenciais tan sobranceiros como o Camiño de Santiago, a mesta rede de Centros Galegos no exterior, Inditex, as Rías Baixas ou o Deportivo da Coruña, canda unha marca “Galicia Calidade”, ben potente no que atinxe ao sector agroindustrial e ao complexo mar-industria e que precisaría da súa referenciación sobranceira no complexo monte-industria, nas novas tecnoloxías agrogandeiras e acuícolas, no téxtil e nas tecnoloxías da información e comunicación.
Galicia ten unha nidia vocación portuaria, ponte entre América e Europa e atópase xusto a carón da principal autoestrada do mundo, que dende London, a desembocadura do Rhin e a área do Ruhr amorea máis do 20% do PIB europeo. Unha caste de Quinta Avenida de New York fronte á que Madrid e o centro do Estado constitúen algo semellante ao Bronx.
Aínda seremos quén a dubidar cara onde temos que ollar?