Por E.P. | A Coruña | 19/08/2021 | Actualizada ás 17:04
O goberno local da Coruña e a Marea Atlántica acordaron impulsar a creación da área metropolitana coruñesa coa presentación dun anteproxecto de lei na comisión especial no mes de setembro. Así o informaron, nunha comparecencia conxunta, o portavoz municipal socialista, José Manuel Lage, e a súa homóloga da Marea Atlántica, María García.
Lage sinalou que o acordo se enmarca no proceso de diálogo aberto coa Marea Atlántica para avanzar nos acordos establecidos desde o ano 2019. Tamén remarcou que, con este acordo, cúmprese o mandato do pleno da corporación coruñesa do 3 de outubro de 2019, que contou cos votos a favor de PSOE, Marea, BNG e Ciudadanos e a abstención do Partido Popular.
Ambos os portavoces sinalaron que o borrador que se presentará na comisión da área metropolitana estará aberto ás achegas dos restantes grupos políticos municipais e tamén contará coa dos concellos que queiran cooperar. A proposta será remitida á Xunta e o Parlamento galego, que son os responsables de elaborar e aprobar a lei para a súa posta en marcha, explicou a representante da Marea.
Pola súa banda, Lage destacou que espera que sexa ben recibida pola Xunta, xa que é unha oportunidade "para saldar a débeda histórica que o Goberno galego ten coa Coruña e a súa área en canto a investimentos".
Desde o BNG congratuláronse polo anuncio, que vincularon coa moción que esta formación presentou. Mentres, o PP lamenta que "a desaparecida Inés Rey se bote en brazos da Marea para os temas de cidade e exclúa aos populares", indica nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.