Os veciños de Casalonga denuncian que a Xunta aproveita agosto para a expropiar a pista pública á canteira

Sinalan que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais acaba de facer público a aprobación do último plan de restauración da canteira de Casalonga entregado pola concesionaria da mina.

Por Galicia Confidencial | Touro | 20/08/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Plataforma Veciñal Casalonga Limpa de Residuos (PVCLR) denuncia a expropiación da vía pública que vai cara a antiga canteira mediante un plan de restauración presentado pola propietaria dos terreos, Toysal. Para as persoas que compoñen a PVCLR isto “é un atropelo, pois a mesma Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais recoñece no escrito que non ten competencias para dirimir a propiedade para logo asignarlla á concesionaria”.

A Plataforma Casalonga Limpa mobilízase contra o reinicio da actividade en. PLATAFORMA CASALONGA LIMPA
A Plataforma Casalonga Limpa mobilízase contra o reinicio da actividade en. PLATAFORMA CASALONGA LIMPA

Acusan que o plan de restauración “está cheo irregularidades, vagueades e inconcrecións”. Con el, a Xunta abre a posibilidade de que a empresa o modifique no futuro empregando a canteira de facto como vertedoiro, e asumindo que a administración terá que poñer cartos se esta desaparece de acordo coa lei 975/2009 de restauración de canteiras, aseguran da Plataforma. Consideran inviable que a administración leve adiante esa restauración coa cantidade irrisoria consignada como aval.

Desde o colectivo veciñal denuncian que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais “comandada por Paula Uría, a mesma que está a tramitar os plans eólicos”, fai pública a declaración en pleno mes de agosto, “cando pensan que ninguén mira, na mesma liña doutras accións semellantes levadas a cabo pola Xunta no pasado”.

Nunha nota de prensa enviada aos medios, os veciños da Plataforma sinalan que a Xunta recorre a unha serie de artificios legais para xustificar que a concentración parcelaria de San Xoán de Calo non vale. Isto senta un precedente “para a reclamación da devolución de centos de vías nunha situación semellante asignadas a outros propietarios nas diferentes concentracións parcelarias de Galicia”.

Ademais prohibe o tránsito aos veciños que “ían a pé pola antiga vía e obrígaos a percorrer 1 km máis pola beiravía dunha estrada con tránsito de coches e camións a altas velocidades”. Sobre a necesidade de expropiación, “simplemente dá por bo o argumento da empresa de que non pode realizar a actividade porque os veciños llo impiden, difamando así á veciñanza sen ningún tipo de proba”.

No que respecta á aprobación do plan de restauración consideran que hai vontade por parte da Xunta de axudar á empresa a “restaurar un oco mineiro gastando 25 céntimos por metro cadrado”, incluíndo o remodelado de noiros, traer terra do exterior, o acopio e sementeira da terra existente durante 30 anos, a eliminación das pistas e a plantación de arboreda.

Declaran tamén que a Xunta permite á empresa obviar a existencia de máis de 400.000 toneladas de residuos “o volume de catro Prestiges”, de procedencia descoñecida depositados na canteira nos últimos anos e implicitamente dálle cobertura legal para enterralos. Tamén se lle permite á empresa modificar ao seu gusto o perímetro a restaurar deixando fora as zonas que non lle interesan.

Por último, “dado que o plan obvia tamén a existencia da lagoa e do ecosistema establecido nela, a Xunta habilita á empresa a baleirala sen un plan de contención e protección das especies existentes”. Esta acción, sinalan, podería matar miles de peixes e anfibios que habitan nela e poñendo en risco a todas as especies de aves que habitan alí a día de hoxe.

Destacan que no caso de que algúns peixes puideran chegar ao Río Tinto “poderiamos falar mesmo dunha catástrofe ecolóxica, pois a maior parte son carpíns dourados, unha especie invasora que podería causar estragos neste afluente do Sar”.

Finalmente, a Plataforma lembra que hai dous meses “un por un, os veciños de Casalonga solicitaron ser recoñecidos como parte interesada no proceso” e que até hai uns días “a Xunta estivo a enviar respos-tas negativas, pechándolles así as portas a recorrer á vía administrativa”. Destacan que a Xunta está a “mofarse” da veciñanza ao indicar no escrito que “quen non estea de acordo pode recorrer a dita vía administrativa”.

Desde a plataforma promoveranse nos vindeiros meses novas accións de protesta “sinalando claramente aos culpables deste atropelo”. Por outra parte, a mesa xurídica da plataforma estuda xa o xeito de levar aos xulgados tanto o proceso como “as persoas que puideran incorrer en calquera tipo de responsabilidade, mesmo penal, relacionados con el”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta