Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2021 | Actualizada ás 14:31
Sanamede de Monte é unha parroquia do Concello da Baña que está situada no límite con Negreira. Esta é a semana das festas da parroquia pero, a pesar de estar de celebración, os veciños están pendentes da decisión que tome a Xunta de Galicia a respecto do proxecto eólico coñecido como Troitomil.
Foi un grupo de veciños desta parroquia o que elaborou as alegacións a este parque eólico e que logo circularon pola restantes parroquias do concello para a súa sinatura. Para darlle difusión empregaron o facebook das festas, que se reconverteu nunha páxina para albergar a loita contra os eólicos. No confinamento publicaron un pequeno escrito de cinco puntos onde daban a coñecer a problemática que o parque eólico traería sobre a localidade. A publicación chegou a máis de 44.000 persoas.
O resultado desta publicación "non puido ser mellor" xa que segundo indican nun comunicado "a práctica totalidade dos veciños asinaron as alegacións e todos os grupos políticos sumáronse á oposición ao parque eólico.
ADHESIVOS PARA MOSTRAR O REXEITAMENTO AO PARQUE EÓLICO
Este grupo de veciños tamén iniciou unha campaña á que se sumou o comercio e a hostalaría do concello da Baña como o de Negreira e desde fai semanas moitos bares e restaurantes que consise en poñer un adhesivo nos locais para mostrar a súa disconformidade "coa implantación indiscriminada de parques eólicos".
A imaxe que empregan para a campaña é un campo inzado de aeroxeneradores cunha emoticona vermella dunha cara tristeira. Con esta gráfica queren simbolizar a súa loita contra un parque "que se lle bota encima das casas, que presenta unha área poligonal de afectación desmesurada para os 5 aeroxeneradores e que ameaza con afectar tamén aos acuíferos da que se subministran 15 aldeas que non contan con traída municipal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.