Por Galicia Confidencial | Teo | 27/08/2021 | Actualizada ás 09:00
A Plataforma formada por veciños de Casalonga (Teo), sinala que “a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a de Medio Ambiente son coñecedoras” do depósito de residuos procedentes de obras. A pesar disto, denuncian que ambas institucións non tomaron “ningunha medida nin sancionaron á empresa”.
O colectivo veciñal de Casalonga denuncia que “agora aproban un plan no que estes residuos non existen”. Por outra parte, tamén apuntan que a “responsabilidade de xestionar os residuos existentes recae segundo a Lei de residuos e solos contaminados no propietario dos terreos, actualmente Toysal”. Por este motivo, a plataforma solicita formalmente un pleno monográfico no concello sobre o problema da canteira.
Segundo os cálculos da Plataforma, na antiga canteira de Casalonga existe un “depósito duns 400.000 m3 de residuos procedentes principalmente de restos de obra”. Nos últimos tempos mesmo se amorean alí residuos de particulares que “se achegan cos seus propios coches sen que nin os propietarios do terreo nin as dúas consellerías implicadas tomen medias ao respecto”.
Nunha nota de prensa, a Plataforma informa que “a veciñanza e o Concello de Teo son os únicos que se encargan de vixiar diariamente a presenza de novos vertidos”. Ademais, o colectivo veciñal tamén sinala que “coa privatización da pista pública pola que ata o de agora transitaban diariamente os veciños, ninguén poñerá xa freo á acumulación de novos vertidos”. Por todo isto, a Plataforma solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello sobre as posibilidades de actuación municipal ao respecto da situación da canteira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.