"Os animais afaranse aos eólicos, claro, tamén se acostumaron a Chernobyl e non lles gusta a radioactividade"

A comunidade científica leva tempo alertando da urxencia climática pero tamén da necesidade de conservar e mesmo restaurar os espazos que albergan biodiversidade. Entre os principais efectos de colocar complexos eólicos en espazos de alto valor ambiental están as afeccións á biodiversidade.

Por Alicia Casas | Compostela | 06/09/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Verspargelung é a palabra que usan os alemáns para referirse á contaminación paisaxística con construcións altas. Complexo é a palabra que o naturalista Ernesto Díaz prefire pór en lugar de parque cando despois do termo vén eólico. Un parque, di, é un lugar para xogos infantís ou de esparexemento na natureza que nada ten a ver con chan de aproveitamento industrial. "Chamalo parque eólico é un eufemismo bastante perverso e non é casual que se empregue esta terminoloxía, tratando de convertirlo en algo amable".

Arquivo - Parque eólico na serra de Elgea, Áraba. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Parque eólico na serra de Elgea, Áraba. EUROPA PRESS - Arquivo

Amable non foi para Lotta Nilsson o novembro de 1998, cando un agricultor que non vivía na aldea colocou un aeroxenerador a 650 metros da súa casa, que comprara un ano antes e na que vivía coa súa filla e tres cabalos. Unha casa no campo na costa oeste de Suecia que deixou en xaneiro de 1999. Non podía quedar, conta na súa misiva, ou enfermaría. Tiña a presión arterial alta e medo crónico aos informes meteorolóxicos. Nalgunhas direccións do vento escoitaba o son, nítido, a 700 metros de distancia. Outros fogares, 200 familias, con casas a distancia de 290 metros. A frecuencias baixas que non oían pero sentían como vibracións, a frecuencias altas o ruído insoportable, as sombras do efecto discoteca, o impacto visual que estresa.

Lotta Nilsson describe as afeccións á saúde que causan a contaminación acústica e lumínica provocada polos complexos eólicos. E o naturalista e socio fundador da Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, Ernesto Díaz, describe as outras que restan: as afeccións á biodiversidade e á paisaxe. Comezando pola contaminación directa producida na elaboración dos materiais e na fase de construción destes complexos: "toda a maquinaria e todos os procesos de elaboración de cableado, de construción de subestacións de mantemento, as liñas de evacuación de enerxía máis as liñas de alta tensión de enganche á rede...todo isto ten unha pegada de carbono elevadísima".

O tempo que tarda en compensar un aeroxenerador esa pegada de carbono, segundo explica Ernesto Díaz, é de tres anos no mellor dos casos. "Tendo en conta que a vida útil dun complexo eólico é de 20 ou 25 anos, se temos un impacto ambiental moi elevado é bastante dubidoso que chegue a compensar o dano producido", explica. A totalidade dos gases de efecto invernadoiro emitidos pódense medir e, de feito, mídense. Menos así o impacto económico, laboral ou social, das explotacións de metais raros que precisan para as pas e o resto do sistema dos aeroxeneradores. Ese conxunto de elementos químicos do que China ten a principal reserva pero que hai tamén, segundo estimacións do Servizo Xeolóxico dos EE.UU, en lugares como India ou Australia ou Brasil ou Malasia ou "sitios realmente remotos". "Como medimos o impacto de traer o coltan dos dispositivos móbiles que vén do Congo? Iso non se mide porque é o Congo, forma parte do tercer mundo", censura Ernesto Díaz.

Leandro del Río, asesor de Salvemos a comarca de Ordes, lémbrase do vello complexo eólico de Malpica ao falar de retirada de residuos. Desas pas que "son cada vez máis grandes e non se reciclan". En teoría, di, existen dous vertedoiros en Galicia que, na práctica, ninguén coñece. Ernesto Díaz apunta que non hai procesos nin políticas de reciclaxe e vaticina para os próximos anos montañas de residuos de aeroxeneraodores cos que non imos saber que facer: "isto terían que facelo as empresas promotoras que explotaron estes complexos pero as empresas cambian de nome, de capital, véndense, desaparecen... as responsabilidades vanse diluíndo".

Ave morta por impacto con aeroxenerador.
Ave morta por impacto con aeroxenerador. | Fonte: Fonte: Silvema.org

O socio fundador da Plataforma por la Defensa de la Cordillera Cantábrica acórdase da primeira onda de eólicos que chegou a España. Dos primeiros que se instalaron en Galicia, Tarifa e algunhas zonas de montaña "moi impactantes nalgúns casos". De zonas especialmente afectadas como a Mariña Lucense, a Costa da Morte ou o norte de Burgos. Tamén do pouco que se fixo: "no resto do territorio a cousa quedou aí parada e non se analizaron ben os efectos, e agora vén unha avalancha de proxectos que se están tramitando ou mesmo aprobando sen haber unha análise detallada, sen planificación realmente". 

Entre os efectos pouco coñecidos (pouco estudados) dos complexos eólicos está, por exemplo, as afeccións sobre os invertebrados do chan. Afeccións que teñen "consecuencias sobre outros procesos naturais, sobre outros grupos de fauna". Fauna para a que non miramos pero que é a base ecolóxica de calquera ecosistema. Máis analizada si está a mortaldade directa asociada aos aeroxeneradores sobre tres grupos de fauna: as aves, os quirópteros e os famosos polinizadores. Ás aves unha colisión as descortiza. Os morcegos nin sequera colisión precisan, mátaos a onda por presión. E dos polinizadores, comenta Ernesto Díaz: "moitas pas teñen que limparse periodicamente porque quedan cargadas de invertebrados mortos".

E o medo crónico aos informes meteorolóxicos que experimentou Lotta Nilsson non se trasladará á fauna principalmente porque a fauna non fai partes meteorolóxicos. O ruído escóitano igual. A contaminación acústica, explica o naturalista, supón un factor de estrés por baixa intensidade que teña: a introdución dun elemento novo nunha zona de montaña ten un "impacto elevadísimo".  Pero tal e como apuntan os estudos, por exemplo un de Endesa que acreditaba a compatibilidade dos mamíferos terrestres cos complexos eólicos, a fauna acabarase por acostumar.

As aves rapaces esquivarán as pas, os lobos continuarán pasando. "Ou pasan o desaparecen", di Ernesto Díaz. Engade: "os animais pódense habituar a todo! De feito, ata os lobos e os cabalos de Przewalski se acostumaron á radioactividade de Chernobyl, pero iso non quere dicir que lles guste a radioactividade... afectalles moi negativamente pero como non hai xente é dos únicos sitios que lles quedan, aí polo menos están tranquilos".

Habituarse a algo logo non quere dicir que un viva co mesmo estado de saúde e felicidade, e as "enormes" vías de acceso que se abren na obra civil e serven despois para o mantemento dos aeroxeneradores quedan abertas para sempre. Zonas ás que non había outra que subir andando e ás que non ía ninguén, son agora accesibles para calquera turismo. Ciclismo, carreiras de montaña, visitantes ocasionais, cazadores que cazan en lugares onde non podían. O chamado efecto barreira implica que, debido á xente que vai por aí circulando e á contaminación acústica e a lumínica, "moitos animais que utilizaban estas cordais como zonas de tránsito, para desprazarse dunha zona a outra, deixen de facelo ou o sigan facendo pero estén sometidos a un estrés que antes non tiñan". Que zonas que antes eran de tránsito apacible se convirtan agora en zonas de risco.

Ernesto Díaz acode de novo ao exemplo de Chernobyl para contar que, malia que a fauna terá os intestinos chamuscados de radioactividade, volveu cando marcharon as persoas. Volveron porque non había xente. E reproba que recoller a alerta científica da emerxencia climática e non recoller a alerta (tamén científica) de conservar e mesmo recuperar zonas sen actividade humana, é pouco coherente. Como incómodo é que a palabra biodiversidade sexa máis frecuente que a propia biodiversidade, que aparece neses "pouquísimos" espazos pouco humanizados: "isto que nos están a vender como unha panacea non é máis que unha industrialización do territorio e é preciso manter lugares intactos, que supoñen ademais unha porcentaxe ínfima do Estado. Ao mellor un 1%! Aínda temos o 99% do territorio para seguir fodendo".

"Que hai na obra civil? Cartos. Se queres mover cartos e pagar comisións e pagar pre-venda a construtoras e políticos locais e a toda a mafia que hai funcionando nas distintas burbullas que houbo neste país- sexa a burbulla das autopistas, a do ladrillo, a ferroviaria co AVE...-o que tes que facer é obra e na obra móvense cartos".

No emprazamento de aeroxeneradores semella estar a necesidade de equilibrio entre respostar á emerxencia climática e atender á conservación da biodiversidade. Pero as empresas promotoras de proxectos eólicos prefiren as serras aos polígonos industriais e zonas degradadas e, para o naturalista, o motivo non é que sopla máis o vento: no rural os terreos son máis baratos. Menos densidade de poboación, menos contestación social. Para unha obra cara, mellor un terreo barato.

Que non teñan previsto ocupar as zonas de baixa sensibilidade ambiental é para Ernesto Díaz unha realidade dramática. Que haxa en tramitación proxectos cunha potencia maior á que contempla o Plan Nacional de Enerxía e Clima chámalle a atención pero non tanto. Segundo opina, o que non se está a contar é que pretenden que España sexa a fonte de enerxía do norte de Europa e particularmente de Alemaña. Non sabería conectar directamente se de verspargelung, crecente rexeitamento da sociedade alemá á enorme cantidade de aeroxeneraores que teñen no país e á tamén enorme dificultade para transportar a enerxía, bebe esta onda de enerxía verde no conxunto do Estado. Pero fala de fondos europeos, dun Plan Marshall,  de que veñen aquí "regando de millóns porque van encher o territorio de merda para que lles levemos enerxía".

Tampouco lle sorprende que tanto Galicia como Asturias sexan excedentarias en produción enerxética e que, xunto con León, abastezan aos grandes focos de consumo ao tempo que en Madrid non hai nin un só aeroxeneraor. "Levamos 50 anos muxindo ao señor da vaca cun coste ambiental e social enorme e agora, o que quedaba sen tocar, queren levalo por diante", zanxa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta