A exposición "As Miradas de Isaac" deixa A Coruña con máis de 4.000 visitas e parte cara a Vigo

A exposición conta cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2021 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A exposición 'As Miradas de Isaac', organizada pola Xunta de Galicia, concluíu este sábado a súa estancia na sede de Afundación da Coruña tras dous meses de exhibición na que recibiu a visita de máis de 4.000 persoas.

"As Miradas de Isaac", a primeira gran exposición en honra ao artista Isaac Díaz Pardo desde o seu falecemento en xaneiro de 2012, estivo comisariada polos seus dous fillos, Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, e inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co nacemento de Díaz (1920).

A exposición, que contando as persoas que acudiron ao Gaiás suma máis de 30.000 visitantes, pretendía "pór en valor o legado e as achegas á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos e do Instituto Galego da Información", entre outros "proxectos relevantes", segundo destacaron a Xunta e Afundación en senllos comunicados.

Tras permanecer en Santiago durante seis meses, a mostra trasladouse á cidade herculina o 28 de xuño, co que inaugurou un programa de itinerancias que continuará en Vigo a finais de setembro.

Na sede de Afundación da Coruña, os visitantes puideron gozar dunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais "que buscaban reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo e o seu papel imprescindible na evolución da cultura galega". Organizada en dez seccións, a mostra percorre "o periplo vital e profesional de Isaac Díaz Pardo".

Ademais, a exposición na cidade herculina tamén incorporou como "elemento vertebrador" a videoinstalación realizada pola neta de Díaz Pardo, a fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz. A peza, en colaboración co realizador Jordi Cussó, foi creada a partir de materiais de arquivo e propón "un encontro co intelectual e artista, que relata en primeira persoa a súa vida e obra".

A exposición 'As Miradas de Isaac' na sede de Afundación na Coruña. XUNTA DE GALICIA
A exposición 'As Miradas de Isaac' na sede de Afundación na Coruña. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta