Por X.M. Fernández | Allariz | 02/09/2021 | Actualizada ás 09:25
A III Feira dos produtos apícolas contará con 12 postos de Galicia e Portugal incluíndo, como non, os apicultores locais. Un gran escaparate para o sector que amosará toda a súa riqueza e diversidade no entorno da Praza do matadoiro (no exterior do mercado da reserva da Biosfera) en horario de 10:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h.
O visitante, ademais de produtos e material apícola, poderá coñecer unha gran variedade de meles e os seus derivados. Así, pois, haberá diferentes produtos da colmea como o pole ou o própole, e outros derivados do mel coma poden ser infusións, cervexas ou cosmética apícola.
ALGO MÁIS QUE UN MERCADO
A intención da feira é afastarse da idea tradicional de mercado e amosar algo máis que os produtos da colmea. Durante a xornada terá lugar unha actividade de degustación de meles cinco estrelas vinculada ao programa apiturismo de teu xacobeo 2021-2022.
Haberá unha degustación de 'meles cinco estrelas'
Asociación Galega de Apicultura e Concello de Allariz organizan de forma conxunta esta feira coa intención de pór en valor este produto e todos os seus derivados. Ao longo do ano AGA e Concello colaboran tamén con iniciativas como o Día da Abella ou a través de cursos de formación para o sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.