Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 20:24
Os establecementos de óptica poderán realizar revisións aos cidadáns galegos maiores de cinco anos grazas a un convenio proposto polo Servizo Galego de Saúde que para Podemos Galicia trátase de "unha nova externalización" dos servizos sanitarios públicos na comunidade.
En concreto, a proposta do Sergas, recollida nun convenio que foi consultado por Europa Press, outorga aos establecementos de óptica a posibilidade de levar a cabo avaliacións optométricas e unha serie de probas complementarias como a medición da reacción pupilar, o test de Worth ou o da reixa de Amsler, entre outras actividades.
O convenio forma parte do programa 'Coida dous teus ollos' e habilita aos establecementos para realizar estas probas que, en todo caso, serán avaliadas por un médico de atención primaria, polo que o profesional do negocio deberá indicar ao paciente que debe pedir cita no seu ambulatorio.
REXEITAMENTO
Unha plataforma de profesionais do sector mostrou o seu rexeitamento á proposta da Consellería de Sanidade ao entender que implicará que os centros "traballen gratis" a través dun convenio "que non é realmente voluntario". Ademais, censuran que "non se coñeza" o documento na súa totalidade, posto que, aseguran, só facilitar "un resumo" a pesar de que o texto completo foi solicitado "hai meses". "Seica teñen algo que ocultar?", pregúntase a plataforma nun texto colgado na súa páxina web.
Así as cousas, consideran que se trata dun "intento de introducir pola porta de atrás a saúde visual no sistema público" co que, ao seu xuízo, "queda patente a necesidade de inclusión dos ópticos-optometristas no sistema de saúde público". "Se queren ópticos-optometristas no sistema público que fagan as prazas e convoquen oposicións", sinalan.
PODEMOS VE "EXTERNALIZACIÓN"
Pola súa banda, Podemos Galicia tamén manifestou o seu rexeitamento á proposta do Sergas, na que ven "unha nova externalización" de servizos públicos a entidades privadas.
"Este sistema beneficiará aos negocios privados a conta do desmantelamento da sanidade pública impulsada por Feijóo. A Xunta de Galicia debería reforzar os servizos de oftalmoloxía cuxo persoal está formado para ofrecer unha atención de calidade", criticou o deputado e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.