Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/09/2021 | Actualizada ás 12:23
Os datos de evolución da covid publicados este venres pola Consellería de Sanidade reflicten que algúns indicadores repuntan, aínda que en termos xerais apuntan cara á estabilización. Os novos contaxios volven estar por baixo dos 300, aínda que a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) excede lixeiramente o límite do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.
Ademais, as infeccións activas continúan á baixa, con 359 negativos máis nas últimas 24 horas, e a presión hospitalaria prosegue lentamente na liña de alivio que viña marcando nos últimos días, con cinco pacientes menos ingresados por covid nos hospitais galegos.
Así, segundo eses datos (que reflicten información solicitada ata as 18,00 horas do mércores), nas últimas 24 horas rexistráronse 234 novos contaxios por Covid en Galicia, fronte aos 334 notificados un día antes. Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 57 novos contaxios na área sanitaria da Coruña, 53 na área de Lugo, 53 na área de Santiago, 30 na área de Vigo, 12 na área de Ourense, 15 na área Sanitaria de Ferrol e 14 contagios novos na área de Pontevedra .
Tendo en conta estes contaxios e as últimas altas epidemiolóxicas (591), o número de casos activos de Covid en Galicia sitúase en 7.163, 359 casos menos que hai un día. Os casos activos descenden en todas as áreas, excepto outra vez na de Lugo, onde aumentan levemente con 1.408 infeccións (seis máis). Deste xeito, A Coruña continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.762 (109 menos); seguida pola área de Lugo, con 1.408 casos; e pola de Vigo, que conta con 1.126 infeccións activas tras negativizarse 124 casos.
Na área de Santiago son 1.283 casos activos (26 menos); na de Ourense hai 654 casos (25 máis); na de Pontevedra hai 478 casos (26 menos); e na de Ferrol son 452 infeccións activas (55 menos).
PRESIÓN HOSPITALARIA
Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 47 pacientes en UCI (seis menos que nas últimas 24 horas) e 154 hospitalizados en unidades convencionais (un máis).
Por áreas, a carga asistencial baixa en catro das zonas e soben nas da Coruña, Ferrol e Santiago, aínda que lixeiramente. Na coruñesa contan con 16 pacientes en UCI (un menos), pero con dous hospitalizados máis en unidades convencionais (39 en total). Tamén aumentan os pacientes en Santiago, un en planta e outro en críticos, co que quedan con 17 e catro hospitalizados, respectivamente. Por último, na área de Ferrol, aínda que se manteñen en cinco os pacientes en UCI, hai 18 hospitalizados en unidades convencionais (un máis).
O lado positivo represéntano Ourense, que aínda que continúa con sete camas ocupadas en críticos, conta con 18 en planta (dúas menos); en Pontevedra hai un paciente menos en UCI e outro en unidades convencionais (catro e nove, respectivamente). Na área de Lugo, por outra banda, hai dous hospitalizados en críticos (dous menos) e 30 en planta (+1); e a viguesa rexistra nove pacientes en UCI (un menos) e 23 en unidades convencionais (un menos).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.