Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 20:50
O Festival Revenidas regresa este ano ao porto de Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, e cun cartel que incluirá ata 15 actuacións entre do 9 ao 12 de setembro, como Dakidarría, Guadi Galego ou Mounquip, ademais de actividades paralelas. Esta edición repetirá un formato adaptado con medidas ante a situación sanitaria.
O evento foi presentado este luns no Fogar do Pescador de Vilaxóan coa presenza, entre outros, do director de Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, ou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Contará cun escenario 'Xacobeo 21-22', polo que pasarán Os Rastreadores, Tanxugueiras, Verto, Laura Lamontagne & Picoamperio, Cidade Xara, Os Chikos do Maíz, A Rabela, Talko Maskerade, Boyanka Kostova, Monoulious Dop, Zoo ou Mounqup.
O cartel nas sesións vermú do fin de semana contará coa Banda da Loba, Guadi Galego e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, e tamén se recuperan os concertos a bordo da embarcación tradicional O Chasula, con Pauliña, Dakidarría e Xiana Andrea, da Banda da Loba, Jásper e Nébeda, Sofía Espiñeira e Leo e Arremecaghoná. Xoán Quintáns, director do festival, incidiu en que Revenidas "volve adaptado, tentando manter a súa esencia", e agradeceu o apoio institucional para patrocinar esta cita.
Jacobo Sutil destacou que o festival segue sendo referente na súa aposta pola música en galego en combinación con referentes da escena musical estatal e valorou patrocinio realizado pola Xunta a través da marca FEST Galicia.
Silva, pola súa banda, agradeceu os esforzos da organización do festival para tentar sacalo adiante este ano, un sector que "sufriu moito" e que mostrou "que a sociedade ten unha enorme capacidade para crear cultura". Así mesmo, valorou o compromiso da organización coa igualdade, aínda que considerou que queda moito traballo por facer nese sentido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.