Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2021 | Actualizada ás 12:24
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, comprométese a trasladar ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico as reivindicacións da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, de Teo, en contra do proxecto de restauración que promove a empresa Toysal na parroquia.
A través dun comunicado, a Delegación do Goberno informa de que Miñones se reuniu en días pasados con veciños membros deste colectivo co obxectivo de "coñecer a súa problemática". En concreto, asistiron o presidente da plataforma, Jaime García; o vicepresidente, Miguel Iglesias Rarís; o vogal Miguel Iglesias Vilas; e a concelleira de Urbanismo e Sustentabilidade de Teo, Uxía Lemus.
Neste encontro, o representante do Executivo central en Galicia mostrouse "sensible" ás demandas dos veciños, que consideran que o proxecto "dana os seus intereses e ameaza a calidade ambiental" da parroquia de Casalonga.
Ademais, os membros da plataforma mostráronse contrarios ao proceso de expropiación dunha pista que permite o acceso á canteira que Toysal planea recuperar.
Na mesma reunión, tanto o delegado do Goberno como os veciños de Teo analizaron as posibilidades legais que hai en canto a este proxecto de restauración, cuxa actualización a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta autorizou en agosto.
Precisamente, o Concello de Teo anunciou que levará ao xulgado as resolucións da Administración autonómica que aproban o plan de restauración e o expediente de expropiación da pista municipal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.