As "desterradas" da Xunta nas vacinacións: persoas sen fogar, sen teléfono ou permiso de residencia

Distintos concellos galegos remitíronlle á Xunta información con datos de persoas vulnerables que non foran vacinadas. Algúns critican que sexan sempre "os últimos en ter en conta" e piden que o acceso á vacina sexa "universal e sen discriminacións"

Por Alicia Casas | Compostela | 20/09/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A campaña de vacinación ás poboacións máis vulnerables xa está en marcha en Galicia e dende hai xa un par de semanas. A falta de datos concretos, apuntan dende o Sergas, até o de agora haberá unhas 300 persoas vacinadas.

Vacinación ás persoas en situación de senfogarismo en Lugo
Vacinación ás persoas en situación de senfogarismo en Lugo | Fonte: remitida

As dificultades que entraña o proceso, a dificultade de contactar con persoas que padecen a fraxilidade, fan que sexa necesaria a colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Consellería de Política Social. Tamén os propios concellos participan, actúan de catalizadores: facilitan datos. Como implicadas están as principais entidades sociais, que traballan con estas poboacións non só na campaña de vacinación senón todo e todos os anos. Segundo indican dende Sanidade, estase a facer "pouco a pouco, e así como se vai organizando o proceso vanse vacinando".

Dende os Servizos Sociais do Concello de Ferrol explican que malia que a campaña de vacinación a este colectivo comezou hai pouco, o traballo loxístico hai "bastante". Organízanse mesas técnicas nas que participan entidades como a cociña económica ou Cáritas, e tendo coñecemento de que houbo hai pouco mesas técnicas, "entenden" que non remataron. Entenden, non é que saiban, porque o certo é que é competencia do Sergas e "non temos ningún dato concreto".

Tampouco dende o Concello de Lugo nin dende Santiago contan con datos da vacinación a estes colectivos vulnerables. En ambos os casos, afirman, o proceso comezou a principios de setembro. E comentan os Servizos Sociais da capital galega que, a falta de información detallada, tardaron entre 10 e 15 días e xa remataron.

Non así en Pontevedra, pois dispoñen de números. O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, di que a primeira xornada de vacinación tivo lugar o día 8 deste mes. Que das 25 persoas convocadas, acudiron 20, e que voltarán convocar aos que restan: "o certo é que a meirande parte estaba xa vacinada pero quedaban os máis vulnerables, xente que non ten teléfono ou que non conta con permiso de residencia". Marcos Rey explica que foi trascendental a colaboración conxunta de entidades sociais como a Asociación Rexurdir, a Unidade de Drogodependentes, e especialmente debido ao número de persoas que acoden, o Comedor de San Francisco. 

E ten constancia, asegura, de que dende a concellería pediron ao Sergas que a vacinación a estas poboacións se producira antes: "trátase dun grupo que por vulnerable é prioritario e por iso solicitamos que se fixera dende o principio, pero deixaron para o final o que pensabamos que tiña que ser unha prioridade".

Nesta mesma liña manifestábase o rexedor de Vigo a día 24 de agosto. Abel Caballero dicía na súa rolda de prensa diaria que a Xunta viña de aceptar a petición que o goberno local fixera hai dous meses: un plan de vacinación para as persoas en situación de senfogarismo. "Non se deu moita présa", censuraba o alcalde, mentres a Xunta defendía que fora a Consellería quen solicitara a Benestar Social un listado das persoas sen teito da cidade olívica que aínda non remitiran.

Pero o certo é máis aló de disputas polo relato entre gobernos locais e autonómicos, distintas ONGs denunciaban xa en abril que as poboacións máis vulnerables quedaban na práctica excluídas das campañas de vacinación. Máis de 40 organizacións representadas por Amnistía Internacional, o Colectivo de Afectadas polo INSS e REDER reclamaban á ministra de Sanidade misiva mediante que adoptaran "directrices vinculantes". Medidas para garantir o acceso á vacinación "sen ningún tipo de discriminación" ás persoas que non contaban con tarxeta sanitaria. Persoas maiores reagrupadas legalmente por familiares residentes en España, inmigrantes en situación irregular, e persoas en situación de senfogarismo. 

Respecto das persoas sen fogar, tamén en abril e mesmo antes, denunciaba a Fundación Hogar Sí que este grupo de poboación non aparecía na estratexia de vacinación. Reclamaban que, como grupo con especial vulnerabilidade, foran considerados colectivo prioritario. Pedían coordinación e flixibilidade para unha poboación que ten dez veces máis posibilidades de precisar coidados intensivos e cinco veces máis posibilidades de morrer a causa do virus

Precisamente a principios de setembro, cando comezou a vacinación para este colectivo especialmente vulnerable, comezaba tamén o sistema de autocita para que calquera cidadán non vacinado puidera acudir á chamada da Xunta. Desta volta, dos 30.000 ocos que ofertaban, quedaban libre a metade. Logo das críticas ao Goberno central por prexudicar a Galicia na repartición de vacinas ("non hai vacinas"), sobraban as vacinas. E aqueles a quen as entidades sociais pedían protexer dende o principio, xa podían vacinarse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta