Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2021 | Actualizada ás 17:58
A Xunta está en conversacións co sector do lecer nocturno co obxectivo de establecer un novo protocolo máis flexible, tanto en horarios como en aforamentos, para este tipo de locais. A intención é que en outubro estea xa implantado.
Así o confirmou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista ofrecida este domingo na Radio Galega, recollida por Europa Press, na que explicou que as novas instrucións buscarán ser "parecidas" ás que se porán en marcha a partir do mércores 15 de setembro.
"Queremos darlle esa estabilidade ao sector", incidiu Rueda, quen tamén insistiu na implantación da obrigatoriedade do certificado de vacinación contra a covid-19, unha ferramenta que mesmo os empresarios "pedíano".
Pero hai unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "que a día de hoxe o impide", polo que a Xunta tratará de buscar "outras fórmulas". Neste contexto, lembrou que o Goberno galego "presentou un recurso" ante ese fallo e agora será o Tribunal Supremo quen deba determinar se a obrigatoriedade do certificado axústase ou non a dereito.
UNHA SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA "MOITO MELLOR"
Na entrevista na Radio Galega, Rueda tamén destacou que a situación actual da pandemia en Galicia é "moito mellor" que en meses anteriores, tal e como valorou o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo. Deste xeito, a intención é desescalar con "prudencia" e "paso a paso".
Precisamente, o mércores entrará en vigor un novo protocolo de hostalaría que permitirá aos locais ter un aforamento mínimo tanto en interior como en exterior en función de se cumpren certas condiciones --separación entre mesas, tipo de máscara que levan os camareiros e medición da calidade do aire--, con independencia da incidencia do municipio en que se atopen.
Para Rueda, esta flexibilización busca darlles "estabilidade" e permitirlles traballar "cun horizonte de certeza". Iso si, advertiu que "se fose necesario endurecer" as instrucións, como ocorreu en ondas anteriores da pandemia, "non haberá máis remedio que facelos". Do mesmo xeito, levantaranse máis restricións se a situación "segue mellorando". "Temos que chegar nalgún momento ao 100%", agregou o vicepresidente, aínda que sinalou posteriormente que o terá que determinar "o comité clínico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.