Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/09/2021 | Actualizada ás 22:00
A contamización de acuíferos da zona da Limia por mor dos excrementos animais é de tal magnitude que xa fixo intervir ao propio Defensor del Pueblo. Francisco Fernández Marugán, recoñece a problemática que existe na comarca por esta “bomba ecolóxica”, tal e como xa denunciou en varias ocasións o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), e pide que se tomen medidas para evitar desastres medioambientais e sanitarios.
Nunha resposta ao Movemento Ecoloxista da Limia, á que tivo acceso GC, critica á Xunta e, específicamente á Consellería do Medio Rural, por non facilitar datos concretos sobre o número de explotacións na Limia e na Baixa Lima e, sobre todo, pola contaminación por intratos de cursos fluviais, a pesar de terse dixirixido a este departamento en ocasións anteriores.
Tamén insiste na falta de información sobre a posta en marcha dun centro para o tratamento de residuos xerados polas explotacións gandeiras e pregunta se se están xa realizando as modificacións normativas necesarias para o establecemento dunha moratoria á implantación de novas explotacións ganaderas naquelas comarcas de Galicia que superen unha determinada carga gandeira.
Finalmente interesase por se a consellería conseguiu dotarse do necesario contexto normativo a través do “Plan estratéxico da Limia” para facer fronte á problemática dos residuos que orixina a actividade agrogandeira na comarca da Limia e poder actuar eficazmente. Tamén solicita “a colaboración, cooperación e coordinación doutras administracións con competencias na materia, para poder afrontar os problemas detectados en aras dun fin común (como o da protección do medio Ambiente”.
SOBRE O PLAN DA XUNTA
En relación a este "tirón de orellas" do Defensor del Pueblo, Medio Rural, en declaracións a este medio, di "está moi avanzado" o borrador deste plan, que se presentará á Mesa da Limia nos próximos meses para recibir as súas achegas. "Con elas, elaborase o documento definitivo que se presentará antes de que remate o ano, que se está facendo en colaboración coa Fundación Juana de Vega e co Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, prevéndose rematalo este 2021", indica.
De acordo co establecido neste plan, o pasado mes de xuño quedaba constituída unha comisión interdepartamental para mellorar a sustentabilidade do agro na Limia, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta. "A través desta comisión, estanse a procurar solucións que minimicen o impacto ambiental que xera a gandería intensiva na Limia", aclara.
MEDIDAS NA LIMIA
Sobre a comarca da Limia, destaca que a Xunta vai permitir investir preto de 32 millóns de euros na potenciación do sector agrario sostible na bisbarra. "Así, mentres o Estado se encargará da limpeza de canles e a modernización do regadío da Limia, a Xunta ocuparase de completar a rede de pozos", apuntan fontes deste departamento.
Así mesmo, di que investira outros 15,9 millóns de euros nun proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation.
A maiores, suliña que destinará outros catro millóns de euros a completar este ano a rede de pozos do regadío da zona. "Deste xeito, contribuirase ao impulso do sector primario da Limia, que achega case o 30% do PIB da bisbarra", engade.
"OUTRAS MEDIDAS"
Pola súa banda, a Xunta, en declaracións a Galicia Confidencial, asegura que está a impulsar "diferentes medidas" a prol da xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras, "tendo en conta as particularidades do noso agro". Por iso, di, impulsou medidas como a Lei de recuperación da terra agraria ou o Plan de pastos de Galicia,que inciden no "aumento e optimización" da base territorial das explotacións.
Ademais, lembra que a Xunta, presentou aos Next Generation un proxecto tractor para a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, "que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros", na que están as plantas galegas de tratamento das dexeccións gandeiras.
Por outra banda, Medio Rural destaca que o Goberno galego ten previsto elaborar un proxecto de Lei galega para regular as dexeccións gandeiras pero responsabilia ao Goberno central por non por en marcha un "decreto nacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.