Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 19:41
Estudantes de Educación Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC) reclamaron ao decanato un novo sistema acorde á situación sanitaria actual que lles permita unha maior presencialidade nas clases.
En declaracións a Europa Press un dos membros da Asemblea de Estudantes de Educación Social (AEES) e representante dos estudantes ante a xunta da facultade, Diego López, explicou que as medidas tomadas polo decanato na súa facultade "manteñen case sen variar o sistema do ano pasado".
En concreto, indicou que a proposta implica "unha semana sen presencialidade" e dúas "con presencialidade media". "Se parte a clase en dúas e a túa vas unha desas semanas. É dicir, tes un día clase cada tres semanas", sinalou para asegurar que no seu caso só terá "clases cinco días en todo o mes" mentres que "no resto de facultades están a ter case a presenicalidade máxima".
Tras destacar que xa se recolleron máis de 500 firmas entre o alumnado para pedir ao decanato "un cambio" e "aumentar a presencialidade", lamentou que na actualidade teñan unha "docencia en liña" a través dun sistema que "non permite nin incita a ter unha docencia de calidade".
Diego López, que asegura que os alumnos entenden as medidas adoptadas o ano pasado debido á pandemia, considera que a situación actual é diferente grazas ao avance da vacinación. "Estamos a ver que o resto de facultades teñen unha presencialidade moito maior e non entendemos porque na nosa non se dá", apuntou.
Por todo iso, os estudantes, que este mércores convocaron unha sentada silenciosa ante a Facultade de Ciencias da Educación da USC, piden "un novo sistema que permita co que se poidan cumprir as medidas covid e que teña unha maior presencialidad para lograr unha docencia de calidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.