Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 15:30
O regreso ás aulas por parte do alumnado de secundaria e primaria vén de ser contestado pola organización estudantil Erguer como unha oportunidade para continuar a loita de cara a un ensino “democrático”. A formación vén de emitir un comunicado no que chama a “volver á mobilización” agora que se retoma a docencia, e no que pon o foco tamén na “pésima xestión do Partido Popular” a respecto das medidas pandémicas.
Para Erguer, a “organización e toma de conciencia das estudantes” será a “única forma de facer fronte aos ataques que estamos sufrindo”, entre os cales nomean a redución de 404 docentes xa criticada por sindicatos, Anpas e corpos profesorais. A ollos da formación, este recorte da Xunta de Galicia deixa o ensino público nunha “situación límite”: “Agora as estudantes temos que dar un paso adiante”, inciden.
Baixo o lema “un novo curso, unhas novas regras”, chaman a facer unha defensa da ensinanza pública co foco crítico posto na xestión desenvolta pola Xunta ao longo do último ano, á que acusan de “deixar a organización extraordinaria e a toma de medidas” en mans das familias e docentes”, unha circunstancia que se replicaría --se ben con outros matices--, na universidade, onde acusan os “insuficientes” compromisos dos reitores.
Finalmente, recalcan a necesidade de achegar novas dinámicas ás estudantes, “fuxindo da apatía e indiferenza”. E móstranse abertos ao contacto anónimo para a achega de problemas, xa sexa nas súas redes sociais como mediante un formulario on-line ao que se pode acceder escaneando un código QR presente nos carteis que distribuirán polos centros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.