Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 14:00
A vicepresidenta do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, insistiu este xoves en que España ten "bases moi sólidas" para afrontar a recuperación económica postpandemia, e constatou que Galicia ten "empresas moi potentes" en sectores que serán determinantes nesa recuperación.
Así o manifestou durante a súa intervención na apertura da xornada Mindtech International Conference, no marco da feira Mindtech que este xoves se clausura en Vigo. Calviño recalcou que España "está nunha nova fase tras 19 meses tan duros" pero a vacinación foi "un punto de inflexión" e albíscase unha recuperación "moi forte, moi intensa". A ese respecto, incidiu en que a innovación e a tecnoloxía na súa vertente industrial serán "punta de lanza" nese proceso e puxo en valor os avances do país nese sentido.
"Non temos que ter complexos para competir, temos moi bo punto de partida para despregar o plan de recuperación", proclamou a vicepresidenta, que cualificou como "oportunidade extraordinaria" a achega de fondos europeos nese proceso.
"EMPRESAS POTENTES" EN GALICIA
A responsable de Economía do Executivo lembrou que eses fondos non teñen asignación territorial, senón que se destinarán a proxectos nacionais transformadores. "Pero Galicia ten empresas moi potentes en sectores de futuro e seguro que será unha das rexións que participen neste proceso", apostilou.
Finalmente, Nadia Calviño fixo fincapé en que, tras tomar "decisións correctas" desde o inicio da pandemia, para protexer o emprego e o tecido produtivo, España é agora "un país idóneo para atraer talento e investimento" e constatou que hai unha "efervescencia" de interese de grandes multinacionais por levar a cabo proxectos neste territorio.
INDUSTRIA CON "CAPACIDADE DE RESISTENCIA"
Pola súa banda, o vicepresidente galego e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo en valor a "capacidade de resistencia" da industria de Galicia durante a pandemia e a súa vontade de seguir "innovando", á vez que incidiu en que a recuperación tras a crise sanitaria ha de pasar pola combinación de dixitalización e sustentabilidade.
Segundo Conde, Galicia está preparada para encarar esa recuperación pondo o foco eses dous aspectos e avogou por fortalecer a colaboración público-privada para buscar "novas oportunidades de negocio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.