Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/09/2021 | Actualizada ás 15:33
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avanzou este mércores que a Xunta elaborará da man do sector e impulsará un segundo plan de dinamización lingüística no tecido socioeconómico e que presentará "moi pronto" un informe de resultados "exhaustivo" sobre o anterior documento, vixente no período 2016-2020.
Así o trasladou en comisión parlamentaria e en resposta a unha pregunta formulada por Mercedes Queixas, deputada do BNG, na que solicitaba información sobre as avaliacións anuais previstas no citado plan, o resultado alcanzado polas diferentes medidas, ademais da continuidade que tería esta iniciativa no futuro.
García defendeu que o plan, con 10 áreas de acción e 84 medidas concretas, "demostrou a súa viabilidade e efectividade", pero viuse "moi afectado" pola irrupción da pandemia, especialmente para pechar a "valoración final" sobre o efecto do documento.
"Estamos a esperar ás últimas conclusións", recoñeceu o responsable de Política Lingüística, quen asegurou que será "un informe exhaustivo" e que se difundirá "moi pronto" á sociedade galega. En todo caso, referiuse a algunhas das cuestións abordadas no período de vixencia e desvelou parte dos plans do Executivo neste campo de face ao futuro.
ESTUDO DE IMPACTO
A Xunta quere darlle continuidade ao plan de dinamización e atópase á espera de que "se estabilice o que se dá en chamar nova normalidade" para "seguir co proceso de interlocución" co sector e poder elaborar e pór en marcha o novo documento.
García sinalou que o novo plan incidirá en "aspectos máis concretos" que o anterior e "atar en curto" diversas cuestións detectadas e que "son importantes para a empresa e actores económicos".
Neste sentido, desvelou un próximo estudo de impacto do uso do galego no mundo económico e o que supón o idioma en termos financeiros e de rendibilidade para o sector, que levarán a cabo especialistas das universidades de Santiago e Vigo e que será "un alicerce fundamental".
O obxectivo máis inmediato de cara aos próximos anos, engadiu, será atender a aprendizaxe do período de vixencia do primeiro plan tras a análise das conclusións.
Entre elas, detectáronse sectores "máis receptivos que outros" para aceptar o galego como parte do desenvolvemento empresarial, como empresas TIC e tecnolóxicas, fronte a outros como a construción, o sector inmobiliario.
Valentín García destacaou, especialmente, "grandes avances" no sector agroalimentario ou con entidades bancarias, pero recoñeceu que aínda "queda traballar" nalgúns casos mais complexos, sobre todo cando se trata de empresas con centro de decisión no Estado ou noutros países.
OBXECTIVOS DO PLAN
Tamén valorou o avance en materia de etiquetaxe, incidindo en que o sector vitivinícola etiquete o 75 por cento da súa produción en Galicia no idioma propio, mentres que outros como o conserveiro "empézase a abrir a ese asesoramento" que ofrece tanto a administración como outras entidades que cooperan neste ámbito, como A Mesa ou outras organizacións.
Doutra banda, destacou o sector cultural, "moi importante" e onde o galego conta cun peso "moi grande" que se viu reforzado polas achegas do último ano durante a pandemia que condicionaba parte da recepción de axudas ao uso do idioma e permitiu unha inxección adicional de máis de 5 millóns de euros.
En suma, realizáronse máis dun cento de medidas entre o sector de alimentación, publicidade, construción e inmobles, asesoramento e intermediación, TIC, hostalaría e xerais, esta última superando o 70 por cento das iniciativas postas en marca cada ano.
Política Lingüística tamén incidiu en propostas como o 'Día da Galeguidade Empresarial', impulsada polo Foro Enrique Peinador, e colaboracións con entidades como Vegalsa-Eroski, Feiraco, Renfe, Repsol ou Coca-Cola, que adaptou á lingua galega o rotulado dos seus vehículos que circulan por Galicia.
"AS MESMAS INCERTEZAS"
Mercedes Queixas, pola súa banda, lamentou que os usuarios seguen "coas mesmas incertezas" e sen avances "significativos", nun momento no que se "reiteran as queixas da cidadanía ante a vulneración de dereitos lingüísticos" nas súas relacións e interaccións habituais na sociedade.
"Sóbrannos interaccións imposibilitadas ou impedidas", insistiu Queixas, para sinalar que, pola contra, "non se percibe unha acción concreta neste sentido para evitalas" agás "o paso cara a adiante" dados "sempre por impulso" dos cidadáns.
Todo iso, lembrou, 40 anos despois do primeiro Parlamento galego e 38 desde a promulgación da Lei de Normalización Lingüística, tras os que a sociedade segue "aínda reivindicando" aquilo que lle corresponde por dereito.
Do mesmo xeito, reprochou que se vetase a iniciativa lexislativa popular, cos votos do PP, para sacar unha Lei que permita garantir os dereitos lingüísticos dos cidadáns nas relacións co tecido económico.
García insistiu en que "é evidente" que faltan "moitas cousas por facer", pero apelou á imposibilidade de cambiar os hábitos do sector "en catro anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.