Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2021 | Actualizada ás 21:40
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou á militancia do Partido Socialista de Galicia "pasar páxina" dos "tempos de deslealdades e cambadelas" para pasar á "unidade de acción" co obxectivo de construír unha Galicia mellor. "Os cidadáns non nos perdoarían que esteamos a pensar máis en nós mesmos que neles", subliñou.
O xefe de filas dos socialista galegos lanzou esta mensaxe ante o Comité Nacional do partido, que este venres fixou o calendario do proceso interno que a formación afrontará para renovar a súa dirección e que inclúe a celebración de primarias o día 30 de outubro. Tras elas, o XIV Congreso Nacional do PSdeG terá lugar os días 7 e 8 de decembro.
"Estou convencido de que cando os que estades aquí vos afiliachedes a esta gran organización, fixéstelo pensando en que dabades un paso para comprometervos coa xustiza social, a igualdade de oportunidades e facer un país mellor. Iso uniunos a todos os que estades aquí e aos 10.000 militantes", manifestou.
Gonzalo Caballero sostivo que esa "unidade nos valores, ideas e argumentos" constrúe o fundamento no que se ten que construír o futuro e abrir unha nova etapa na que aprender dos erros para construír unha Galicia mellor". "Unha nova etapa na que temos que aprender das derrotas para chegar ás vitorias, unha nova etapa na que temos que pasar páxina aos tempos das deslealdades e as cambadelas para entrar na unidade de acción co conxunto da organización", reivindicou.
"Para construír o mellor PSdeG, necesitamos que toda a organización teña a capacidade de ser útil a Galicia", sostivo Gonzalo Caballero, que asegurou que "ninguén" debe "despistar" aos socialistas desta tarefa. "Os cidadáns non nos perdoarían que esteamos a pensar máis en nós mesmos que neles", subliñou.
E é que, tras reivindicar aos expresidentes Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe como "referencias principais" por ter a "capacidade de construír un proxecto galego por encima doutras claves", apostou por un "proxecto inclusivo" no que "todos caben" pero "ninguén é imprescindible". "Un proxecto no que o colectivo está por encima das individualidades, porque nos están mirando os cidadáns", sinalou.
Este camiño, dixo, "non é sinxelo" para un PSdeG que só chegou ao goberno despois dunhas eleccións en 2005. "E fíxoo cando tivo a capacidade de manter o rumbo, a orientación e o proxecto, de non caer nunha estratexia de cambadelas que non leva a ningún sitio, máis que simplemente a unha confusión dos horizontes e do que é relevante", apuntou.
PSDEG, "A SEGUNDA FORZA POLÍTICA" DE GALICIA
"Se de aquí ás eleccións xerais e ás eleccións municipais do ano 2023 concorremos xuntos, con forza, con lealdade e con unidade, conseguiremos volver conseguir resultados históricos nesas eleccións e situar ao PSdeG onde está, como a segunda forza política de Galicia", sinalou.
Deste xeito, lembrou que o PSdeG goberna en "tres das catro deputacións, en cinco das sete cidades, en 113 concellos. "Porque temos 10 deputados no Congreso, seis senadores, 14 deputados no Parlamento que fan o mellor traballo pídovos que non caiades no pesimismo, na desazón que algúns desde fóra e desde dentro queren meter nesta organización", sinalou para deixar claro que o PSdeG está forte e ten "capacidade" para dar as batallas.
"Somos a segunda forza política de Galicia e a única alternativa real para o cambio de goberno", sinalou o dirixente socialista, que asegurou que ao longo do seu mandato el nunca caeu nin no pesimismo nin na desazón cando moitos tentaron introducila no PSdeG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.