Por outra banda, fronte á obriga das testemuñas de dicir a verdade, os imputados teñen dereito a non declarar en absoluto, a non se declarar culpábeis e a non respostar algunha, varias ou moitas das preguntas que se lles prantexen.
Xa que logo, a Infanta só usou do seu dereito cando rexeitaba respostar ás preguntas das acusacións populares, teimaba nos “non sei”, “non lembro” ou “non teño a constancia” e vencellaba moito do ocorrido á plena confianza que acreditaba na súa parella. Pero é tarde de máis para que ésta actitude tan dubidante e pouco elocuente evite as sombras a respecto da conduta da Infanta e, sobre todo, evite o imparábel proceso de degradación da imaxe do Xefe do Estado e da Institución monárquica non só entre a cidadanía do Estado senón na opinión internacional que, con màis ou menos acerto, relaciona directamente esta crise coa “spanish corruption” e co esfarelamento da chamada “Marca España”.
Para máis, a Casa Real xestionou de xeito moi desafortunado este proceso. Primeiro teimando durante meses para que a Infanta non declarase, despois tentando que o fixese con privilexios (chegar en coche e non a pé, non pasar polo control de seguranza…) e logo enviando sinais de comprensión e apoio: a filla casada do Rei volvería a casa dos seus pais para descansar. Feito absolutamente normal nunha familia normal, mais non tan lóxico nunha familia especial que encarna unha Institución só xustificábel por razón de exemplaridade e utilidade.
Na España do 2014 a Institución monárquica non é percebida como exemplar pola cidadanía do Estado. E perdeu tamén aquela comprensión e apoio internacional que lle achegaban doses de utilidade. Se exemplar non é nin útil tampouco, só fica que a cidadanía decida democraticamente, cando e onde cumpra, sobre o sentido da Institución no futuro.
A arrincadeira: Albert Rivera e Paco Vazquez
Albert Rivera presentou na Galicia o seu Movemento Cidadàn (MC) da màn do ex alcalde coruñés Francisco Vàzquez. Semella un chisco chocante querer vender rexeneracionismo e transparencia da màn desta caste de compañas.