Cando un hospital verteu por erro 2.000 litros de excrementos radioactivos ao mar da Coruña

A fuga, que comezou por un erro electrónico, puido chegar ao mar porque o Centro Oncolóxico de Galicia tiña desactivado o sistema manual de seguridade. O hospital aludiu a un raio como desencadeante do accidente, pero MeteoGalicia non o rexistrou. Os expertos aseguran que o risco para a saúde do vertido foi "nulo".

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Na semana do 3 ao 11 de xuño de 2019 Galicia viuse golpeada por unha cicloxénese. Miguel --así a chamaron os meteorólogos-- deixou rachas de 126km/h na costa da Comunidade e obrigou a desviar varios voos dende Peinador a Lavacolla. Na Coruña, a borrasca arrincou anacos dalgunhas fachadas e deixou un agasallo que non había de ser coñecido ata varios días máis tarde: unha vertedura de 2.000 litros de feces radioactivas que chegaron ao mar. 

Área de Bens, na Coruña
Área de Bens, na Coruña | Fonte: Worldorgs.com

Cando menos, esa é a versión do Centro Oncolóxico de Galicia, o hospital público-privado no que se produciu o accidente. A dirección asegurou ao Consello de Seguridade Nuclear que a apertura das comportas, acontecida o día 7, tivo que ver cun raio caído “nas proximidades do hospital” arredor das 7:45 da mañá. Pero a vertedura --non perigoso, segundo os expertos-- foi tamén posible porque o COG tiña desactivado un mecanismo manual de peche que serve como rede de seguridade para circunstancias como esta. 

Os restos fecais que chegaron ao mar viñan impregnados de Iodo 131, un isótopo radioactivo empregado para o tratamento do cáncer de tiroides. Os protocolos obrigan ao COG da Coruña a almacenar as feces dos pacientes inoculados e facelas pasar un período de decaemento, é dicir, almacenalas ata que deixan de emitir radioactividade para despois diluílas no mar.

A problemática está en que a vertedura do 7 de xuño produciuse de forma súbita, antes de os refugallos pasaran a corentena obrigada para deixar de ser perigosos. Segundo o hospital, o raio aludido tería provocado un malfuncionamento no sistema, que deu un “sinal falso” a un dos tanques de almacenamento para que se abrira.

O COG conta cun sistema de seguridade para evitar a vertedura accidental destas materias. Cada un dos cinco tanques nos que se produce o decaemento da materia está provisto dunha chave de apertura exclusivamente manual. Pero na mañá do 7 de xuño, a billa do tanque 3 estaba aberta. Dende o hospital aseguran que "se actuou conforme ao protocolo", e que a barreira estaba levantado para así "restrinxir ao máximo" o acceso á zona dos bidóns, considerada de risco radiolóxico.

SEN RISCOS PARA O MEDIO

A pesar de que o Iodo-131 é un radioisótopo de historial cargado --estivo presente no desastre de Chernobil e as prácticas nucleares de EE.UU.--, os expertos non consideran que esta vertedura tivera suposto perigo algún para a fauna e persoas da contorna. O informe elaborado polo CSN en xuño de 2019 detalla que os refugallos do COG van parar á depuradora “da Coruña e Comarcas”, presumiblemente Bens, que dá saída ás augas tratadas a case un quilómetro da costa coruñesa. Galicia Confidencial contactou coa xestión da planta para comprobar este dato e as capacidades de Bens para tratar residuos radioactivos, pero non obtivo resposta.

En calquera caso, as fontes consultadas por este xornal apuntan que a vertedura foi máis ben inocuo. Para comezar porque o decaemento --aínda cando non fora completado no tanque-- prodúcese nun prazo relativamente curto. Pablo Aguiar Fernández, doutor en Física e profesor de Radioloxía na USC, cifra nun mes o tempo necesario para que o isótopo perda todo compoñente radioactivo. A isto suma o feito de que quedou diluído no mar, explica, “polo que o risco de irradiación, incluso nas primeiras horas despois do accidente, é nulo”. “Polos dous motivos anteriores, considero que é altamente improbable que algunhas persoas foran expostas radiación por riba dos niveis de seguridade”, conclúe.

Tamén quedaría excluída a posibilidade de que o I-131 tivera entrado na cadea trófica ao ser inxerido por algún animal mariño. Segundo apuntan dende o hospital, a vertedura teríase realizado cando a materia fecal fora sometida xa a 58 días de decaemento, sendo 72 os establecidos na regulación para deixalo fluír. Aínda que a diferenza é substantiva --un total de dúas semanas-- o COG asegura que a perda de radioactividade se tería completado ao 99'4%

UN RAIO NON REXISTRADO

A pesar de que a vertedura se produciu pola apertura da billa manual, o informe do CSN non contempla sancións para o hospital coruñés. No escrito tan só se apunta que deberá manter pechadas as válvulas de aí en diante, á parte da necesidade de arranxar o cadro luminoso que tería resultado danado pola tormenta. Unha fonte próxima ao hospital sementa dúbidas sobre a versión que o Centro deu ao CSN: “é indemostrable [que a causa estivera nun raio]”, asegura. “En realidade se o sistema electrónico pode fallar, a saber desde cando o estaba facendo e mandando sinais de baleirado cando non correspondía. Non o saben”, incide. O arquivo de Meteogalicia, que conta cunha precisión "superior ao 90%", non garda memoria de ningún raio na cidade da Coruña o 7 de xuño de 2019. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta