"Moitas das vítimas da Maruxaina aínda precisan tratamento psicolóxico"

Convocan unha manifestación pedindo "xustiza" despois de que o xuíz que leva o caso volvera desestimar a denuncia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

Feminismo Unitario de Vigo chamou a mobilizarse este sábado para "esixir xustiza" despois de que o xuíz que instrúe o caso das gravacións de mulleres ouriñando durante a celebración da festa da Maruxaina de Cervo en 2019 volvese desestimar a denuncia.

Durante unha rolda de prensa celebrada na urbe olívica, as portavoces de Feminismo Unitario de Vigo Fedra Alcaraz e Ana Martínez leron un manifesto mediante o que mostraron o seu rexeitamento a "un sistema patriarcal" que "permite que as mulleres sexan violentadas nas rúas e revictimizadas nos xulgados". Por iso, avanzaron accións coordinadas con outras asociacións como Materfem, Colectivo Feminista de Pontevedra e Soño de Lilith que terán lugar este sábado na urbe olívica, a cidade do Lérez, Santiago e Vilagarcía.

Ademais, condenaron a realización de gravacións "a máis de 87 mulleres, entre elas, menores" cuxas imaxes se subiron a páxinas web pornográficas e a resolución do titular do Xulgado 1 de Viveiro que desestimou a denuncia de novo.

Neste sentido, sinalaron que "moitas" destas mulleres "aínda precisan tratamento psicolóxico" e que a resolución xudicial, que resulta "de xeito evidente inxusta", é "contraria non só á petición das vítimas, senón tamén ao criterio da Fiscalía". Así, reiteraron que "atenta" contra as persoas que foron gravadas e "supón unha ameaza aos dereitos e liberdades de todas as mulleres que reclaman como seus todos os espazos públicos".

Así as cousas, as portavoces da entidade aseguraron que "non entenden nin comparten" a decisión do xuíz, que "non aprecia atentado contra o artigo do código penal que recolle o delito contra a integridade moral das persoas físicas". Tamén advertiron de que "non consentirán que se xustifiquen tan graves delitos" ao "restarlles importancia" e "eximir de responsabilidades aos autores", polo que avanzaron que farán "todo o posible" para que "non se volvan a repetir" e "non queden impunes".

"AGRAVIO COMPARATIVO"

Adicionalmente, resaltaron "o agravio comparativo fronte aos homes" que supón o feito de que moitos destes ouriñasen en "condicións semellantes" sen que "fose exposta a súa integridade física nin moral". Por iso, reprobaron os feitos "misóxinos" acaecidos, que "só perseguen denigrar ás mulleres". Finalmente, mediante o manifesto, Fedra Alcaraz e Ana Martínez trasladaron o seu apoio ás mulleres que presentarán recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo de modo individual ou colectivo.

Portavoces da entidade durante a rolda de prensa. FEMINISMO UNITARIO
Portavoces da entidade durante a rolda de prensa. FEMINISMO UNITARIO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta