Medo á luz

De cativos algún tiñan medo á escuridade e de maiores todos temos medo á luz. Ou, para sermos máis exactos, á factura da enerxía, que constitúe un grave abuso canto á súa contía e transparencia.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 17/02/2014

Comparte esta noticia
 Non por acaso o Estado español é o terceiro da UE onde a enerxía é máis cara, tendo medrado dende 2004 nun 70% por mor da política de absoluta parcialidade a prol das grandes distribuidoras dos ministros de Zapatero- Sebastián- e de Rajoy-Soria-. Grandes distribuidoras onde atopan retribución abonda en cómodos postos de conselleiros ou asesores antigos dirixentes socialistas e populares como Felipe González, Elena Salgado, José Mª Aznar, Angel Acebes ou Nemesio Fernández-Cuesta, a xeito de retribución polos servizos prestados. O actual ministro de Economía, Luis de Guindos, foi conselleiro de Endesa entre 2010 e 2011, percebindo nese tempo un pagamento de 368.000 €.
 
Os gobernantes socialistas e populares optaron, xa que logo, por se pregar ao oligopolio colusivo das tres distribuidoras-comercializadoras dominantes (Gas Natural-Fenosa, Iberdrola e Endesa) e por abandonar á súa sorte aos cidadáns e empresas deste País. Os primeiros, nun grande número, ficaron condenados á pobreza enerxética. As segundas, nomeadamente as empresas industriais, aturan uns custos desproporcionados que mancan a súa competitivade, cando non determinan a súa inviabilidade.
 
A reforma eléctrica do PP afonda, tamén, na absurda penalización dun autoconsumo que habería estar ben tratado, por acadar os custos de transporte e distriubución o 15% dos totais de posta na rede da enerxía producida. A maior abastanza, as novas reformas agravian aos países produtores de enerxía, como Galicia, que aturan os custos ecolóxicos da produción hidroeléctrica, térmica ou eólica recebindo en troques unha sobrepenalización, mentres a súa  potencialidade eólica é destruída a mantenta. O réxime tarifario discrimina abafantemente a Galicia e beneficia aos territorios como Madrid, que consumen sen producir.
 
Velaí o sentido da recentemente creada ACOUGA, entidade apartidista de defensa dos consumidores galegos. Centrada nomeadamente nos sectores enerxético, asegurador, bancario e de telecomunicacións, que é onde se producen os abusos máis graves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.