Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 21:00
Alberto Núñez Feijóo chegou o Debate do Estado de Autonomía cun as na manga. No decorrer do seu discurso inicial, o mandatario autonómico anunciou unha extensión da gratuidade das escolas infantís de Galicia, asegurando que, a partir do próximos curso, estas serían gratuítas na súa totalidade para todos os nenos e nenas da Comunidade, como xa informou o Galicia Confidencial.
A partir do vindeiro curso todas as escolas infantís en Galicia serán 100% gratuítas. Galicia volve situarse á vangarda! #DEAGalicia21 pic.twitter.com/tMo5wWjqHD
— PP Pontevedra Prov. (@pontevedrapp) October 13, 2021
A medida supón un cambio no esquema da educación infantil en tanto que, ata o momento, a gratuídade tan só se aplicaba no tocante ao segundo fillo. Feijóo detallou así que "todas" as escolas pasarían a ser de balde para as familias galegas, unha circunstancia da que se beneficiarían varias decenas de miles de crianzas. Pero a medida está a xerar sospeitas polo posible fluxo de cartos públicos a empresas privadas.
Feijóo: Escolas infantís gratis=transferencia de diñeiro público á educación privada.
— David Rodríguez (@Ofunambulista) October 13, 2021
Moito me rebenta que lle amplifiquen o discurso a Feijóo sen desmontar as mentiras:
— serióloga (@seriologa) October 13, 2021
As escolas infantís de 0 a 3 XA SON GRATUITAS porque existe unha rede pública que, iso si, está a quedar insuficiente.
O que vai facer o presidente, mais unha vez, é dar cartos a empresas privadas
Feijoo di q toda a educación infantil será gratuíta, a pública –que xa o é– a concertada e a privada, e as municipais “se cumpre certas condicións” (que non se lle poñen á privada). Traduzo: seguen detraéndose recursos e financiamento ao ensino público e transvasándoos á privada
— Marilar Aleixandre (@MarilarAleix) October 13, 2021
O mandatario asegurou, no Pazo do Hórreo, que a gratuidade das escolas se estendería tamén ás privadas, unha circunstancia que a priori podería ser celebrada pero que, a falta de máis detalles, abre dúbidas sobre a formulación desa gratuidade. Agás que Feijóo pretenda expropiar os centros de educación infantil privados de Galicia, a posibilidade restante é o do financiamento directo ou indirecto, circunstancia que xa se ocuparon de apuntar algunhas das voces máis activas en redes sociais. O PPdeG xa pediu ao Goberno central que dea fondos para garantir esta gratuidade, se ben apuntou que levará a medida adiante con e sen o apoio do Executivo de Sánchez.
O anuncio de Feijóo chega nun momento en que as áreas de sanidade e educación do seu goberno están a ser duramente criticadas polas asociacións e sindicatos dos respectivos sectores. A atención primaria leva meses recibindo chamadas de alarma que agora se estenden dos colexios. O mes de setembro foi recibido con protestas por parte de pais, nais e directores polos recortes que a Xunta de Galicia tería efectuado no tocante á dotación de profesorado, unha circunstancia xa cuberta polo Galicia Confidencial.
A problemática deste recorte apuntado gardaría relación cun suposto aumento do ratio de alumnos por aula --que, segundo se apuntou no seu momento, podería dificultar o cumprimento do protocolo--, pero tamén coa redución de opcións docentes para o alumnado; xa que ao contar con menos profesores os itinerarios de secundaria vense reducidos. Unha plataforma que agrupa a máis de 80 ANPAS da área de Vigo xa anunciou mobilizacións contra unha situación que afecta en especial aos centros do rural, afondando nun baleirado no que o peche de oficinas bancarias, sancionado coa luz verde do executivo autonómico, asestou a primeira estocada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.