Por Galicia Confidencial | Gres | 15/10/2021 | Actualizada ás 14:43
A escritora Anisia Miranda, quen fora fundadora e vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas, será obxecto dunha homenaxe o próximo 18 de outubro en Gres. Baixo o lema “Doce anos lembrando a Anisia”, a Fundación Neira Vilas únese á iniciativa da Biblioteca Nacional de conmemorar nesta xornada o “Día das Escritoras”, sendo unha das seis entidades que, en Galicia, se adhiren a esta celebración.
E dentro desta homenaxe terá lugar a presentación oficial do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia. Este novo galardón, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, ven a unirse aos outros dous que organiza a Fundación: o Xosé Neira Vilas de Novela Curta e o Arume de Poesía para a Infancia, en colaboración, neste último, coa empresa Deleite e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX). Nos tres casos, a publicación da obra gañadora está a cargo de Edicións Embora. Ademais, a fundación colabora co Premio Balbino de Relatos, que convoca Edicións Fervenza.
O acto comezará ás 18.45 h. cunha ofrenda floral no cemiterio parroquial de Gres, onde se recitarán poemas inéditos de Anisia Miranda, e continuará na sede da fundación, coa lectura de fragmentos dun dos seus libros máis senlleiros: Mitos e lendas da vella Grecia. A clausura musical desta xornada vai corresponder a un grupo de cámara composto por integrantes da Banda de Música de Ponte Ledesma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.