Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2021 | Actualizada ás 13:19
A Xunta encadrou nunha decisión "comercial" dos organizadores do Foro A Toja que empregasen o topónimo deturpado da illa da Toxa, no Grove, para bautizar o evento que a finais de setembro reuniu a distintas personalidades da política e a economía, incluídos o rei Felipe VI e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Cuestionado durante a Comisión 4ª do Parlamento galego celebrada este venres pola deputada do BNG Montse Pardo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegurou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade enviou unha carta aos organizadores do foro, promovido polo grupo hoteleiro Hotusa, para "lembrarlles" que o topónimo oficial da illa arousá é A Toxa e non A Toja como figura na denominación do evento.
"Gustaríanos que tivese outro nome, e así llo trasladamos", apuntou García, que incidiu en que o nome do foro é "unha marca comercial" elixida pola empresa promotora, "que decidiu chamarlle así como puido chamarlle 'Mar dentro' ou 'Confín dous verdes castros'".
Así as cousas, o responsable de Política Lingüística desligou á Administración autonómica da organzización do evento e, por tanto, do uso do topónimo deturpado. Nesta liña, incidiu en que "o apoio" da Xunta ao evento limítase á "presenza" do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, e doutros membros do goberno.
Nesta liña, Valentín García engadiu que o emprego de topónimos deturpados tamén existe noutros ámbitos, como en entidades deportivas "algunha da máxima relevancia", ademais de permanecer entre a sociedade á hora de referirse a lugares, como, por exemplo, ocorre na cidade de Santiago "ao falar da Porta Fajera ou de Conjo".
Cuestionado polo grupo nacionalista sobre a declaración como fundación de interese galego a entidade que organiza o foro, o responsable do Executivo autonómico resaltou que o uso dun topónimo deturpado non é motivo para "negar" a súa inscrición no rexistro de fundacións autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.