Un premio para os artistas anónimos que manteñen viva a tradición cultural galega

A AELG recoñece dous galegos que, dende os seus respectivos eidos, preservan a lingua e a cultura do país sen pedir nada a cambio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

No acto de preservar calquera cultura e as súas tradicións hai unha serie de personaxes anónimos que se encargan de manter a calor das cinsas: cantareiras e contacontos que non deixan morrer historias e eles mesmos marchan despois sen recoñecemento algún. Para evitar que este sexa o caso de Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de recoñecelos, respectivamente, como Mestra e Mestre da Memoria deste ano 2021. 

Teresa dos Cucos
Teresa dos Cucos | Fonte: AELG

O recoñecemento, decidido por un grupo de traballo da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, vén dado pola contribución destes dous galegos ao mantemento da cultura tradicional do país sen pedir nada a cambio. Así é o caso de Teresa dos Cucos, unha cantarareira que, apuntan dende a AELG, desenvolveu xa desde nena un marcado gusto polo canto tradicional, cunha traxectoria reivindicada xa previamente por artistas como Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés ou Xabier Díaz, pero tamén por novas figuras como as Tanxugueiras.

"Todas elas teñen pasado pola súa casa da Pontella para aprenderen coplas, letras de pezas tradicionais nunca manuscritas, que Teresa conserva intactas na súa memoria e non dubida en cantar", explican dende a Asociación. De orixe humilde, seu pai era mariñeiro de baixura e ela alternou dende moi nova os traballos do agro cos da construción, pero nunca deixou de cultivar o gusto polo canto pois, como ela di, "unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos".

No caso de Aurelio Ramos, veciño do concello ourensán de Beariz, o xenio atópase tamén na palabra máis non cantanda: el conta conta contos. "É ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor, a súa disposición e posúe distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros".

Aurelio dá fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores e sería quen de falar con eles coma un outro. Conserva a memoria intacta e conta de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen. Con esta escolla, a AELG continúa un ano máis recoñecendo a figura e a traxectoria das persoas que, co seu xeito de estaren no mundo, "contribúen a preservar a nosa memoria colectiva como pobo, a tradición oral e en definitiva, parte esencial da lingua e a cultura do noso país".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta