Por X.M. Fernández | Sobradelo de Valdeorras | 28/10/2021 | Actualizada ás 20:50
O Clúster da Pizarra de Galicia deu a coñecer o pasado 26 de outubro a obra gañadora do seu I Premio de Construción con Lousa, un certame que nace como convocatoria trienal para poñer en valor a lousa como material referente nas edificacións sostibles e a innovación na construción.
Neste senso, o premio pretende recoñecer a lousa como un elemento fundamental na construción e un material para mellorar a habitabilidade e a sustentabilidade dos proxectos arquitectónicos. O proxecto gañador empregou non só lousa na súa construción, senón tamén granito e madeira. Trátase dunha vivenda familiar emprazada en Castromao, no municipio ourensán de San Xoán de Río, cuxo arquitecto é Pablo López Prol. Xunto a el asinaron a obra como aparellador, Diego Rodríguez Val, e como colocador Gelasio Sotelo Bugallo.
DETALLES TÉCNICOS DA OBRA
A intervención de rehabilitación levada a cabo abrangue tres construcións anexas. O obxectivo era converter as antigas casas de labranza, sen uso e nun estado de deterioración avanzada, nunha vivenda a través dos tres volumes orixinariamente separados. Respectáronse os materiais tradicionais presentes nesta edificación e na súa contorna, así como as súas calidades beneficiosas, como é o caso da inercia térmica e da pedra. O cambio máis relevante foi a elección de lousa tradicional en lugar de tella, que xa de seu non era orixinal, restituíndo o acabado tradicional da construción. O modelo seleccionado foi lousa natural granel recortada a man en pezas de formato grande.
CONVOCATORIA E XURADO
Esta convocatoria de premios ten como obxectivo impulsar o fomento e a utilización de lousa incentivando a excelencia e a innovación; incentivar o coñecemento deste material construtivo; fomentar a investigación e a aplicación arquitectónica de novas tecnoloxías na lousa e promover o traballo de profesionais con este material construtivo.
Do xurado formaron parte o arquitecto Carlos Quintáns, gañador do León de Ouro da Bienal de Venecia 2016; a directora do IES Sobradelo-Carballeda, Begoña Chamas e o Director da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, Santiago López.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.