Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 18:09
O grupo parlamentario do BNG solicitou á Xunta "asegurar a comunicación das persoas xordas no acceso á sanidade pública galega" mediante a creación, por parte da Consellería de Sanidade, dunha bolsa de intérpretes a disposición do colectivo as 24 horas do día".
Nunha pregunta ante a Comisión de Sanidade do Parlamento, Mercedes Queixas lamentou que o Goberno autonómico "non fixese nada" a pesar de discorrer oito meses do "acordo unánime na aprobación da Proposición Non de Lei" neste ámbito.
"Hai oito meses dun acordo para un colectivo que presentía o comezo da reparación da vulneración dos seus dereitos. Por fin, poderían deixar a impotencia e o medo cando sentisen mal e tivesen que acudir a un centro de saúde, consulta ou urxencia hospitalario, coa tranquilidade de ser atendidos e coidados", indicou. Ademais, a parlamentaria apuntou que esta situación tamén supón unha dificultade para o persoal facultativo que non conta coa presenza dun intérprete. A deputada subliñou que o Parlamento "ten a obrigación de garantir os dereitos fundamentais das persoas e a súa atención á saúde, tamén das persoas xordas".
"Prodúceme pudor e vergoña ter que recoñecer que o colectivo xordo, o máis prexudicado durante a pandemia, continúe con grandes dificultades para acceder a atención asistencial. Pediron encarecidamente que os avisos fosen a través de mensaxes escritas e non por chamadas telefónicas, e desde o Sergas non atenderon esta demanda. Con todo, comprobamos como o SMS activábanse para cribados e vacinas", explicou Queixas.
Pola súa banda, o xerente do Sergas defendeu todos os programas cos que conta o sistema de saúde galego para a detección de problemas auditivos de forma precoz e asegurou que, en base á normativa vixente, a Xunta promove "a supresión de barreiras comunicacionais" para o colectivo.
Neste sentido, Flores animou ás persoas xordas ou con problemas auditivos a actualizar o seu cartón sanitario para poder coñecer a súa situación e lembrou que a Xunta conta cun sistema de videointerpretación para diversos organismos como o 112.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.