A asamblea europea pola igualdade das linguas abordará a cuestión do galego na Lei do Audiovisual

A reunión, na que participarán 35 delegadas en representación de 47 linguas de 24 Estados, celebrarase en Santiago de Compostela.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/11/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollerá entre os días 12 e 13 de novembro a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), que organiza a Mesa pola Normalización Lingüística. Nela participarán de maneira presencial 35 delegadas e delegados en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos e  contará coa presenza virtual de Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos.

Reunión da ELEN en Dublín
Reunión da ELEN en Dublín | Fonte: remitida

As delegadas e delegados de ELEN tratarán, entre outros temas, a cuestión do galego, do euskara e do catalán na Lei do Audiovisual do Estado; a crise en Francia despois da sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac; a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e a data na que chegará ao Parlamento británico; e o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas".

A Asamblea Xeral de ELEN contará  ademais na súa sesión inaugural, o venres 12 de novembro, coa actuación de Guadi Galego e coa presenza de personalidades do país e mais do resto de Europa, como Vesna Crnić-Grotić, presidenta do Comité de Expertos da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias.

O secretario xeral de ELEN, Davyth Hicks, vén de agradecer a colaboración da Universidade de Santiago e do Museo do Pobo Galego na celebración da Asamblea Xeral en Galicia, “un país cun amplo movemento social que loita pola súa lingua e cunha entidade social de importancia vital como A Mesa pola Normalización Lingüística”.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional. Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO. Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta