Guadi Galego estará na 'Gala musical pola igualdade' en Verín

Este sábado 13 de novembro, ás 19:00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá a Gala Musical pola Igualdade “Soamos Iguais: é positivo”, organizada pola Anpa do Conservatorio de Música Profesional da vila en colaboración co Concello.

Por X.M. Fernández | Verín | 13/11/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

Este sábado, a comunidade educativa da música de Verín “Anpa CMUS” abrirá as súas portas a cidadanía organizando un evento multidisciplinar en prol da Igualdade. Como non podería ser de outra maneira, a música será o eixo vertebrador do evento, podendo os asistentes desfrutar dun concerto de cuarteto feminino de vento Catro cores que interpretará un divertido e coñecido repertorio de cancións destinado a un público familiar e melómano.

Concerto de Sta Icía do CMUS (arquivo). Foto: Concello de Verín
Concerto de Sta Icía do CMUS (arquivo). Foto: Concello de Verín

A gala servirá tamén de homenaxe a todas esas mulleres visibles --e menos visibles-- que dedican a súa vida a facer música. Neste senso, o CMUS dedicará unha das súas aulas á artista Guadi Galego, presente na gala para participar na inauguración oficial da mesma.

Por outra banda, a deseñadora gráfica local Aurora López presentará a obra plástica “Sinfonía de igualdade”, que servirá para decorar esta nova "aula pola Igualdade" do CMUS. Baixo o prisma do fomento da Igualdade, esta obra reflexa o esforzo colectivo realizado pola veciñanza desta vila para conseguir ter un conservatorio profesional.

Na gala estarán presentes a secretaria de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, así como representantes de diversas entidades sociais e musicais da comarca. 

O evento é gratuíto e está subvencionado pola consellería de Emprego e Igualdade coa finalidadede promover a igualdade e previr a violencia de xénero neste centro educativo dependente do ente municipal. Para entoar colectivamente a “Sinfonía da igualdade”, a organización agasallará aos asistentes cunha máscara violeta, detalle simbólico de que todas "soamos iguais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta