Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2021 | Actualizada ás 21:35
Marta Lado (Fisterra) deixa escapar unha risa doce cada vez que nomea á súa filla por teléfono. Esta actriz --e nai-- galega fixo a súa particular irrupción de honra no panorama da literatura galega ao gañar, meses atrás, a terceira edición do Premio Fina Casalderrey. O xurado recoñeceu de forma unánime a súa obra A pita xefa, unha historia orientada ao público infantil que naceu, sobre todo, para a súa filla.
Lado, que acumula varios recoñecementos á súa carreira sobre os escenarios, explica que decidiu lanzarse ás augas da literatura case por impulso, e coa vista posta na súa nena, agora de dous anos e medio. A súa primeira incursión na prosa, antes da Pita Xefa, explica, tivo lugar man a man con ela, cun relato desenvolto no confinamento para o que ambas puxeron "debuxos e palabras" e que rematou autoeditado na casa con cola e cartulinas.
O propio libro premiado na terceira edición do Fina Casalderrey, e que foi entregado nun acto en Santiago este mércores 17, xurdiu a raíz da fixación da nena coa palabra "pita". "Ela é unha xefa, así que non había moito que buscar", explica a escritora, deixando caer outra gargallada. O recoñecemento do tribunal chegou por sorpresa: "Acórdome que estaba escribindo nese momento, encerrada, e saín do cuarto chorando e rindo", rememora.
LITERATURA CONTRA O SEXISMO
A obra foi premiada polo seu reflexo e subversión dos roles de xénero imperantes na sociedade, unhas dinámicas que Lado decidiu retratar botando man dun galiñeiro; espazo patriarcal por antonomasia porque alí mando o galo. O obxectivo pasa por que o libro, con tantos outros, achegue á rapazada máis nova de Galicia unha perspectiva diferente do que pode ser a vida en sociedade.
O mesmo acontece co galego. Lado apunta que se decidiu a escribir a obra, en parte, para facilitar á súa filla máis contido cultural en galego, unha das grandes eivas que, ao seu ver, dificutan a tarefa de criar un fillo nunha lingua minorizada. "Nós tomamos a decisión de educar á nosa filla en galego porque o castelán vaino aprender en todas partes. De feito, comezou a ir á guarde hai un par de meses e xa empezou a dicir palabras máis en castelán. Penso que un pouco tamén me impulsou a escribir para nenos pequenos, para ela", explica.
Aínda que, polo de agora, a rapaza non sabe ler, Lado detalla que "vai sempre co libro debaixo do brazo" e mesmo recoñece aos personaxes, en parte polas ilustracións que acompañan esta obra editada por Baía. "Gústanlle moito os libros, e que llos lean", asegura. A autora conta xa con algún outro proxecto en proceso, pero, polo momento, segue a ser segredo. Estas semanas está a traballar na adaptación teatral de Fariña, que o 20 de novembro a levará a San Sebastián de los Reyes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.