A axenda feminista estará no centro da política da Deputación de Pontevedra coa súa programación do 25-N

A presidenta da Deputación quixo visibilizar "o que sofren por ser mulleres" ao citar a brutal violación múltiple a unha moza de Igualada, a violación doutra moza de Navarra ou os asasinatos de María Isabel, Flora ou Pilar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2021 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a nova edición do programa Abrandares en Acción #ViolenciaZero, unha iniciativa "referente a nivel nacional que leva a arte, a cultura e o compromiso feminista por toda a provincia" mediante intervencións multidisciplinares de mulleres creadoras.

Carmela Silva lembrou que a Deputación leva todo este mes de novembro organizando accións con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mulleres, aínda que este venres arrinca oficialmente a programación que este ano leva por lema 'Por ser mulleres' e coa que se pretende "situar á axenda feminista no centro da axenda política".

Neste acto, celebrado nas Ruínas de Santo Domingo, a presidenta estivo acompañada de representantes de todas as representantes das entidades que colaboran no desenvolvemento deste programa e dos municipios que acollerán algunha das accións contempladas a próxima edición de #ViolenciaZero que incluirá muralismo, escritura, performance, escultura, teatro, música... "a cultura e a arte contra a violencia machista".

Na súa intervención, Carmela Silva empezou visibilizando "o que sofren por ser mulleres" ao citar a brutal violación múltiple a unha moza de Igualada, a violación doutra moza de Navarra ou os asasinatos de María Isabel, Flora ou Pilar. "Estamos fartas de que isto ocorra por ser mulleres", dixo.

"Farta" e "emocionada" ao lembrar a estas vítimas, Carmela Silva advertiu de que están "aquí, unidas, de pé, no centro, denunciando, para que saiban os fascistas, os que negan o sufrimento das violencias das mulleres, que somos fortes, estamos convencidas, sabemos polo que loitamos e ninguén nos vai a parar".

PROGRAMACIÓN

O xoves día 25 terán lugar as dúas primeiras accións en Pontevedra e en Vigo da sétima edición do programa 'Mulleres en acción. Violencia Zero', que levará neste 2021/2022 a lema 'Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!'.

O programa, tivo un anticipo este venres coa actuación musical de Xoana 'Dardos en feminino', e arrincará o xoves na praza da Peregrina ás 12,00 horas coa performance 'Hasta en cova' de Alba Soto. Xa pola tarde, ás 18,30 horas, a peza 'VER/Cada/Bágoa' de Mercé de Rande chegará ao Museo Marco de Vigo. Serán en total 25 accións (6 performances, 5 accións musicais, 5 escénicas, 4 murais, 3 de danza urbana e 2 accións poéticas) en 25 concellos con artistas "moi potentes".

A programación da Deputación do 25-N arrincou xa a comezos de mes co 'Manifesto de Soutomaior', ao que seguiu o workshop da Cátedra de Feminismos 4.0 'Hackeando o patriarcado', que tivo lugar este xoves para reivindicar a intelixencia artificial feminina fronte aos algoritmos machistas.

Tamén forman parte da programación iniciativas como a iluminación en morado das sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 28 de novembro, e a lectura, a cargo de Silvia Pérez, investigadora da Universidade de Vigo, da declaración institucional no pleno do día 26. Ese mesmo día e ata o 29 de novembro na feira Culturgal a Deputación dará a coñecer toda a programación no campo da igualdade.

O 29 de novembro inaugurarase na sede de Vigo a mostra 'Espazos Roubados', de Isabel Blanco, o día 30 comezará o módulo en igualdade na Escola de Enfermaría e a comezos de decembro presentarase a nova campaña do xoguete igualitario, non sexista e non violento.

Por outra banda, ata o 9 de decembro continuarán os debates teóricos en liña sobre a axenda política feminista coordinados por Rosa Cobo, e ata o día 15 os talleres de formación nos institutos, 'Canteira de Igualdade'.

Ademais, os días 11 e 18 de decembro terá lugar no Museo MARCO de Vigo o novo ciclo 'Cinema abrandares', en colaboración co Consulado Xeral de Arxentina, e na sede provincial viguesa poderá visitarse ata o 31 de decembro a mostra 'Muller por muller', comisariada por Rosario Sarmiento.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa. RAFA ESTEVEZ | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta