PP e PSOE, canda as elites financeiras de Madrid potenciaron a capital do Estado como único centro financeiro, de comunicación e empresarial, cando a Comunidade de Madrid contaba con só o 12% da poboación estatal. Tratábase de facer a España cañí, alicerzada sobre o eixo Madrid-Valencia/Murcia-Andalucía. Unha España que non entendía a súa propia pluralidade cultural, lingüística e de estrutura e vocacións produtivas. Esa España que deixou ao pairo na negociación do ingreso da CEE á pesca, gandeiría ou construción naval galegas para beneficiar ás producións mediterráneas da oliva andaluza e da laranxa valenciá. Onde Esperanza Aguirre permítese requirir do millonario galego residente na Coruña: “Fulano, a ver cando ves vivir a España” ou a TVE non convida nunca a un artista que non cante en castelán.
É evidente o fracaso deste modelo, mais as persoas que crearon o problema seguen a mallar no mesmo: recentralización educativa potenciando o ensino en castelán, recurte de competencias fiscais ás autonomías, tarifa enerxética que grava aos países que producimos e ás empresas que coxeneran…Semellan non ser conscientes de que xa queren liscar máis da metade dos cataláns e vasco e da inviabilidade desa España cañí cun único cerebro que todo o entende e todo o sabe.
Tamén é evidente que só será viábel unha España policéntrica, en rede, que políticamente podería funcionar cun federalismo fiscalmente competitivo e moi descentralizado, ao xeito dos USA. Federalismo misturado con solucións confederais no que atinxe aos asuntos de lingua, cultura, educación e Dereito civil, polo menos no que respecta ás nacionalidades galega, vasca e catalá.