Cando os primeiros humanos modernos habitaban a costa cantábrica aínda quedaban neandertais en Galicia

Un estudo de investigadores da USC sobre a Cova Eirós atende ao proceso de transición entre os últimos grupos de neandertais e os primeiros humanos modernos que habitaron o noroeste ibérico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 24/11/2021 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

Grupos residuais de neandertais aínda vivían na montaña galega cando os humanos modernos xa habitaban a costa cantábrica. Así o reflicte un estudo de investigadores da USC sobre Cova Eirós, que publicado na Comptes Rendus Palevol (revista do Museo Nacional de Historia Natural de Francia),  axuda a comprender o proceso da transición entre os últimos grupos de  neandertais e os primeiros humanos modernos (Homo sapiens) que habitaron o noroeste ibérico.

Investigadores da USC escavan a Cova Eirós
Investigadores da USC escavan a Cova Eirós | Fonte: Fonte: USC

As investigacións arqueolóxicas foron executadas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da USC en colaboración co Institut Català de Paleoecología Humana i Evolució Social e a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona, baixo un convenio coa Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e o Proxecto do Plan Nacional de Investigación do Ministerio de Ciencia.

Segundo a investigación, a localización de Cova Eirós na localidade lucense de Triacastela, entre o extremo máis occidental da cornixa cantábrica e a fachada atlántica peninsular, convértea nun importante enclave para entender a expansión das primeiras comunidades de Homo sapiens na Península ibérica e a progresiva extinción dos  neandertais. A secuencia de Cova Eirós contén varios niveis que se enmarcan no momento de transición entre os últimos neandertais que poboaron o norte peninsular e a chegada dos primeiros humanos modernos.

Así, as datacións radiocarbónicas do nivel do Paleolítico medio apuntan a unha supervivencia tardía, hai uns 40-41.000 anos, dos grupos de neandertais nas montañas do interior galego con respecto aos últimos grupos do Cantábrico. Mentres a cornixa cantábrica xa estaba colonizada polos humanos modernos, nas montañas galegas aínda quedaban poboacións residuais de neandertais. Pola súa banda, indica a investigación que as datacións do nivel de  Paleolítico superior hai uns 36.000 anos, apuntan a unha chegada á rexión relativamente rápida dos Homo sapiens, con respecto a outras rexións do centro e sur peninsular. “Este feito podería indicar unha relativa estabilización das poboacións de Homo sapiens que se manteñen no litoral e vales cantábricos durante uns poucos milenios, antes de estenderse fóra da conca cantábrica en momentos de lixeira mellora climática”, explican os investigadores.

Ademais, a investigación dá conta dos restos materiais asociados e o tipo de ocupación que tivo lugar na entrada da cavidade. Ambas as especies do Paleolítico medio e o Paleolítico superior ocuparon a entrada de Cova Eirós durante estancias breves e reiteradas no tempo, ligadas a actividades cinexéticas como a caza e procesado de cervos, rebezos, corzos e xabarís, baixo unhas condicións ambientais bastante similares. “Pero tamén se observan diferenzas entre ambas as especies humanas en canto ás estratexias de abastecemento das materiais primas para fabricar as ferramentas, a súa tecnoloxía e as estratexias de caza”, explican dende o equipo investigador. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta