O superávit de Galicia sitúase en 400 millóns ata setembro, o 0,64% do PIB

No mesmo mes de 2020 foi de 324 millóns e supuña o 0,56% da economía galega.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 29/11/2021 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O superávit de Galicia sitúase en 400 millóns ata setembro en Galicia, o que representa o 0,64% do produto interior bruto (PIB), segundo os datos que publica este luns o Ministerio de Facenda. En 2020, á mesma altura do ano, o superávit galego era algo menor, en concreto supuña o 0,56% da economía da comunidade, con 324 millóns.

Billetes en euros da serie Europa
Billetes en euros da serie Europa | Fonte: BANCO CENTRAL EUROPEO - Europa Press.

O impacto asociado á pandemia de coronavirus está cifrado por Facenda en 227 millóns de euros, isto é, un 0,36% do seu PIB.

O déficit do conxunto das administracións públicas, excluída a axuda financeira, situouse en 51.147 millóns de euros ata setembro, o que supón restar 26.508 millóns á cifra rexistrada un ano antes, un 34,1% menos, polo que descende ao 4,23% do PIB.

No que respecta ao déficit do Estado ata o mes de outubro, o dato sitúase no 4,48% do PIB, e descende un 7,3% respecto ao mesmo período do ano anterior, ata os 54.191 millóns de euros. Este resultado débese a un significativo incremento dos ingresos non financeiros do 19%, fronte ao comportamento dos gastos, que crecen a un menor ritmo, cunha alza do 11,6%.

"A evolución ata outubro mostra que o déficit do Estado continúa a senda descendente iniciada a partir do mes de abril respecto ao mesmo período do ano anterior como consecuencia da reactivación económica polo avance do proceso de vacinación", destacou o ministerio que encabeza María Jesús Montero.

En canto ao déficit público ata setembro, o da Administración Central aglutinou a maior parte, con 53.332 millóns, o 4,41% do PIB, e dentro deste, o déficit do Estado reduciuse á cifra de 53.350 millóns, o que equivale tamén ao 4,41% en termos de PIB. Pola súa banda, os Organismos da Administración Central rexistran ata setembro de 2021 un superávit de 18 millóns.

Do seu lado, a administración autonómica rexistrou un superávit ata setembro de 9.238 millóns, disparándose un 474,5% respecto ao ano pasado, o que equivale ao 0,76% do PIB. Este resultado obedece a un incremento dos gastos do 6,7%, fronte aos ingresos que crecen a un 11,8%.

De acordo coa información transmitida polas comunidades autónomas, 5.222 millóns corresponden ata setembro a gasto sociosanitario derivado da Covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta