Adolfo Suárez

Dicirmos Adolfo Suárez é dicirmos transición política española. Xa que logo, os que por razóns xeracionais non vivimos conscientemente aquel proceso quizais poidamos xulgalo máis obxectivamente ca os seus protagonistas e coetáneos.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 23/03/2014

Comparte esta noticia
Suárez, fillo dun republicano derrotado na guerra, foi un  funcionario do franquismo que chegou á dirección da RTVE e á secretaría xeral do Partido único. Escoller ese camiño non era obrigatorio, como demostran outros coetáneos de Suárez (Pujol, Arzalluz, Nicolás Redondo…) que fixeron política contra o franquismo, sofrindo das resultas  graves trastornos na súa vida. O Suárez que forma goberno quere afondar no reformismo e achegarmos un réxime homologábel con Europa. Mais o seu obxectivo fundamental é evitar a ruptura democrática, indo “da lei á lei”. A democracia virá dende o franquismo e existirá un pacto de impunidade a respecto das arbitrariedades da ditadura.
 
Este espirito de reforma pactada co Réxime permitiulle que as Cortes franquistas votasen a súa propia morte e legalizar un PCE que, en troques, asumía a Monarquía e a economía social de mercado. E permitiulle aterrar no Centro Democrático que fundara Areilza e usar con parcialidade o amplo aparello do Poder para gañar, sen maioría absoluta, as eleccións xerais de xuño do 1977 ás que non puideron concorrer determinadas forzas republicanas e nacionalistas.
 
Suárez foi quén de propiciar un amplo pacto político e económico para aprobar a Constitución e os Pactos da Moncloa. Mais tamén  impuxo uns Acordos coa Santa Sede que blindaban á xerarquía católica, malia a formal aconfesionalidade estatal e  deixou ben claro que  o dereito a decidir de galegos, vascos e cataláns e a Monarquía ficaban “out  of question”.
 
O mellor Suárez é o do seu derradeiro ano de Goberno. Aquel que  revisa o Estatuto galego da “aldraxe”para homologar Galicia ás outras nacións históricas. O que lealmente recoñece os autogobernos catalán e vasco. Aquel que enfronta ao Rei para non nomear Armada segundo xefe do Exército ou o que fuma displicente en claro desafío á barbarie de Tejero e Milans del Bosch. Aquel que sabe demitir e demite.
 
O Suárez das luces e das sombras. A transición das luces e das sombras. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.