A feira 'Etiqueta Negra' regresa a Pontevedra con máis de 100 stands gastronómicos e alguna sorpresa

Terá lugar o venres 10, o sábado 11 e o domingo 12 de decembro.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 01/12/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Logo dun ano parados por mor da Covid, a feira profesional 'Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora' na súa xa quinta edición chega á cidade do Lerez. Así, o venres 10, o sábado 11 e o domingo 12 de decembro, o Recinto Feiral de Pontevedra acollerá a profesionais, produtores e consumidores co obxectivo de "coñecer as tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais, difundir a excelencia dos nosos produtos e saborear Galicia".

Inauguración da V Edición do 'Etiqueta Negra'
Inauguración da V Edición do 'Etiqueta Negra' | Fonte: remitida.

Impulsada pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, Etiqueta Negra é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector gourmet galego, profesionais da alimentación, da restauración e da distribución así como "consumidores que valoran o que comen".

O evento foi presentado esta mañá no Gastroespazo do Mercado de Abastos nun acto no que participaron a propia Blanco; o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a deputada provincial Ana Laura Iglesias, e o Trade Marketing manager para Galicia de Estrella Galicia, Pedro Pasteur, ao que tamén asistiron o concelleiro Xaquín Moreda; a vicedirectora do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza, Pilar Tallón; o Estrella Michelin Iñaki Bretal, chef do restaurante O Eirado da Leña, e Miguel Ángel Becerra, de Estrella Galicia.

A feira volverá a contar coa presenza de máis dun centenar de produtores "escollidos pola súa singularidade, a súa orixinalidade e a maior calidade dos seus produtos". Nos distintos stands poderanse atopar viños, licores, vermús, cervexas e outras bebidas como o hidromel, cafés, infusións, marmeladas, mel, galletas, tortas, doces, xeados, aceites, queixos, patés, carnes, caracois, embutidos, conservas, setas, legumes, salsas e aderezos, pans e empanadas e un "sen fin de delicias que farán gozar ao padal".

 

Ademais, como novidade este ano o Anfiteatro contará cada tarde cunha sesión maxistral de cociña en directo protagonizadas por recoñecidos chefs galegos. Iñaki Bretal, o primeiro estrela Michelín da cidade, será un dos protagonistas destacados. Así, na tarde do sábado 11 fará unha viaxe polos pratos que compoñen o menú degustación do seu seu restaurante O Eirado da Leña. Ademais deste showcooking, dirixirá a cafetaría de Etiqueta Negra, onde ofrecerá diferentes propostas culinarias para desfrutar do seu savoir faire.

 

Doutra banda, os centros de formación de hostalería volverán a estar presentes, un ano máis, nesta nova edición. Deste xeito, o CIFP Carlos Oroza e o Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés desenvolverán o venres pola mañá cadanseu showcooking con degustación das diferentes creacións elaboradas in situ para 100 persoas. 

 

Ao longo das tres xornadas desenvolveranse no Punto de Encontro Profesional e nos propios stands numerosas reunións dos expositores con exportadores, distribuidores, tendas gourmet, restauradores, etc. como apoio ao acceso a novos mercados e a expansión dos seus negocios.

 

FESTIVAL MESTIZAXES

O 'Etiqueta Negra' non será o único festival gastronómico deste mes en Pontevedra, pois a cidade do Lérez acolleu o 'Mestizaxes' nos primeiros días de novembro. 

Nel, os asistentes puideron desfrutar da cociña típica de distintos países como Perú, México, Xapón, Venezuela ou Chile. Cada un destes países aparecía representado por un restaurante convidado, que presentaba un menú composto por catro tapas salgadas e un doce.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta