Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2021 | Actualizada ás 17:36
O Concello de Pontevedra tomou posesión do convento de Santa Clara como patrimonio público cumprindo así "un soño", segundo valorou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. "Hoxe é un día histórico para Pontevedra", dixo.
Este mércores 1 de decembro tivo lugar a firma ante notario da escritura de compravenda do edificio por un importe de 3,2 millóns de euros. Son algo máis de 12.000 metros cadrados en pleno centro urbano que inclúen o claustro, os edificios residenciais e a igrexa cos retablos, o púlpito, a sillería do coro e o órgano. Este inmoble amurallado e a súa horta pertenceron durante 750 anos á congregación das clarisas.
Despois da compra, produciuse a primeira visita como patrimonio público realizada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Urbanismo e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda; a portavoz do Goberno, Anabel Gulías; e o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera.
Este recinto relixioso de clausura é un dos espazos que menos transformacións sufriu ao longo dos seus 750 anos de historia, permanecendo case inalterable ao paso do tempo.
Nese sentido, o Concello de Pontevedra xa está a traballar nun programa de actuacións e accións a realizar neste espazo, e que será desvelado nos próximos días. Fará "todo o posible por lograr que todos os pontevedreses coñezan esta xoia no mínimo tempo". Polo momento, na porta de entrada, xa figura unha placa que conmemora e sinala o día da firma.
Nun día chuvioso como este mércores, e tendo en conta a tradición de Santa Clara coa choiva, Fernández Lores comentou que no acto de firma preguntoulle á abadesa "que podería significar que estivese a chover" e por resposta a responsable da congregación díxolle que "Santa Clara estaba a chorar de pena, por deixar o convento que ocuparon durante tantos anos", comezou o alcalde na súa intervención.
"CHORAMOS DE EMOCIÓN"
"Nós tamén choramos, pero choramos de emoción. Non son capaz de transmitir a importancia que ten o feito desta incorporación despois de 750 anos da súa construción nos arredores da cidade", declarou o rexedor nacionalista. "Fixemos realidade ese soño", engadiu.
O alcalde de Pontevedra referiuse a esta compra como "a operación urbana máis importante dos séculos XX e XXI" e comparouna coa incorporación e construción da Alameda e as Palmeiras deseñada por Sesmeros.
O alcalde tamén quixo agradecer á congregación relixiosa a súa dispoñibilidade á hora de chegar ao acordo para que o convento teña a partir de agora un uso público.
Despois da súa intervención, alcalde e concelleiros percorreron as diferentes estancias do convento, como as celas, as salas de traballo, a cociña ou a enfermaría. O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, fixo de guía aos presentes, comentando diferentes aspectos do edificio e os seus corredores e habitacións, ademais de elementos tan rechamantes como o órgano, situado no coro alto. Tamén comprobaron o estado dos xardíns e do chamado 'bosque', que conta con castiñeiros e maceiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.