Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 03/12/2021 | Actualizada ás 16:09
O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña continúa coa práctica de dilixencias para esclarecer a morte de Samuel Luiz, ocorrida o pasado 3 de xullo no paseo marítimo da Coruña. Este venres, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o xuíz tomou declaración durante case seis horas a oito testemuñas.
Entre eles, hai tres que, presuntamente, presenciaron os feitos ocorridos á saída dun local de lecer no paseo marítimo coruñés e cando Samuel Luiz estaba a realizar unha videochamada a unha amiga, en compañía doutra. Tras reproches dos acusados pola videochamada, produciuse a malleira que acabou coa súa vida, segundo a investigación policial.
Das testemuñas que presenciaron os feitos, dous xa deran a súa versión, a cal ratificaron, explica o alto tribunal galego. As outras cinco testemuñas que compareceron ante o instrutor son persoas coas que presuntamente contactaron algúns dos investigados para darlles a súa versión do sucedido.
No caso hai cinco adultos --tres dos cales están en prisión provisional-- e dous menores investigados. Dos primeiros, unha moza e outro mozo atópanse en liberdade, pero con obriga de comparecencias no xulgado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.