Rueda reivindica o autogoberno nunha mensaxe de Fin de Ano que a oposición tilda de "clasista" e "escapista"

O PPdeG elixe a Raúl Santamaría, Ana Vázquez e Avelino Souto para dar as súas badaladas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2024 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou o autogoberno para "mellorar a vida da xente" na súa mensaxe de Fin de Ano, no que, por outra banda, apelou á "posición estratéxica" de Galicia para captar empresas e comprometeu apoio aos emprendedores. Foi nun discurso con recordo aos afectados pola DANA. "Galicia vai seguir estando cos valencianos, agora tamén coa recuperación", sentenciou nunha intervención con apoio a aquelas persoas para as que o Nadal non é "sinónimo de alegría" e ás que "todos os días do ano coidan dun familiar dependente".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu vídeo para felicitar o Nadal á emigración
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu vídeo para felicitar o Nadal á emigración | Fonte: XUNTA

Tamén con alusión ao compromiso de ampliar o parque de vivendas públicas nos próximos catro anos, cunha clara referencia aos mozos para que poidan acceder a ela. "Que haxa o dobre de vivendas públicas das que existen actualmente", aseverou para incidir, ademais, na necesidade de superar "as barreiras" sexan económicas ou de conciliación para favorecer o nacemento de nenos e nenas.

Desde o Pazo de Fonseca, apelou, por outra banda, á política da Xunta en materia educativa de cara a que os estudantes se atopen "menos obstáculos". "Por iso todos os que aproben poden matricularse gratis nunha universidade galega, para que a capacidade económica da familia non sexa un obstáculo", citou como exemplo. Isto nunha intervención con reivindicación da FP dual ou os títulos de alta especialización. "A educación é clave para o progreso dun país, abre portas e reduce diferenzas sociais", manifestou.

POLITICAS AUTONÓMICAS

Mentres, insistiu no uso do autogoberno para "mellorar a vida da xente". "E sempre dentro do marco da Constitución e co obxectivo do ben común", expuxo para incidir en Galicia como unha terra de acollida e sempre disposta a "integrar". Isto sen esquecer aos galegos e galegas que no seu día emigraron. "Sentimos que estades moi preto de nós", afirmou para, á vez, lembrar a política autonómica para facilitar aos que queiran volver que poidan facelo a través da Estratexia Retorna. "Marchar fóra pode ser unha opción, pero non unha obrigación, para iso é necesario postos de traballo de calidade e ben reumnerados", sinalou nun discurso no que incidiu na posición "estratéxica" de Galicia.

"Hai recursos naturais, moito talento, infraestruturas e chan industrial para os proxectos que queiran asentarse respectando o medioambiente e a nosa contorna", aseverou nun discurso no que, por outra banda, apelou á cifra "marca" de turistas en Galicia. "Agora toca facer de Galicia unha excepción de serenidade, de responsabilidade e de altura de miras", engadiu ao facer referencia ao papel dos representantes públicos. "En 2025 seguiremos demostrando do que somos quen, unha terra que non ten máis límites que os que consintamos en pornos, seguiremos avanzando ao noso estilo", concluíu.

O PPDEG APOSTA POLOS ROSTROS COÑECIDOS PARA FELICITAR O ANO

O PP de Galicia dá as badaladas de Fin de Ano por primeira vez na súa historia cun toque de humor e con rostros coñecidos para representar, ademais, informa, ás mulleres e aos mozos. A través dun vídeo estreado hoxe nas redes sociais do partido, os populares galegos botan man de tres dos seus rostros máis televisivos: o deputado autonómico e exconcursante de 'Reacción en Cadena', Raúl Santamaría; a deputada nacional e colaboradora en 'Todo es mentira', Ana Vázquez; e o coordinador de Medio Rural do partido, Avelino Souto, "que ao longo deste ano se fixo cada vez máis coñecido polas súas intervencións estelares nos plenos municipais de Lalín".

"Uns protagonistas que representan, á súa vez, ás mulleres e aos mozos galegos: dous sectores da sociedade que foron clave na vitoria electoral do PPdeG o pasado 18 de febreiro", sinala a formación. No vídeo, os espectadores atoparanse aos tres políticos aproveitando os momentos previos ás badaladas para emular un concurso televisivo no que Ana Vázquez é a encargada de descifrar palabras a través das pistas que lle van ofrecendo os seus compañeiros, unha dinámica na que saen a relucir temas que marcaron este ano.

Badaladas do PPdeG en 2024
Badaladas do PPdeG en 2024 | Fonte: ÍÑIGO ROLÁN

PONTÓN VE NA MENSAXE DE RUEDA O RETRATO "DUN PRESIDENTE ESCAPISTA"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que o discurso de Alfonso Rueda na súa mensaxe de Fin de Ano é o retrato "dun presidente escapista que tenta tapar con propaganda os problemas da Galicia real, vemos a un Rueda botando balóns como se non levase quince anos no goberno da Xunta", argumenta. Pontón chamou a atención sobre "a incoherencia" entre o que transmite o titular do Executivo galego na súa alocución de Fin de Ano coa realidade do país, "que tenta edulcorar nun intento de tapar os problemas que cada día afronta a maioría social".

"O discurso de Rueda, tanto polo que di como polo que omite, mostra a un presidente empeñado en disfrazar a realidade, pero as dificultades que viven miles de galegos e de galegas non se poden tapar nin minimizar con propaganda e os retos que Galicia ten por diante non se resolven con triunfalismos", alega. A líder do BNG denuncia "o cinismo político dun presidente que eloxia a educación pública cando leva anos de recortes e hoxe o sistema educativo ten menos docentes e as universidades están infrafinanciadas".

"Presume de autogoberno cando o balance de novas competencias é desolador: unha en quince anos; fala da emigración como unha opción e nunca como unha obrigación e eu pregúntolle se pensa que os máis de 200.000 mozos e mozas que colleron as maletas co goberno do PP fixérono por gusto", interpela Pontón. Sobre a vivenda, afirma que Roda "pasouse quince anos dinamitando a política social de vivenda e agora faise o sorprendido de que acceder a unha vivenda sexa misión imposible para miles de galegos e de galegas e, por enriba, sen dar solucións a curto prazo, só promesas vagas para 2028".

Pontón é especialmente crítica pola forma en que o presidente da Xunta refírese a a dependencia e ao coidado das persoas maiores. "O señor Rueda despacha a dependencia deixando claro que descarga sobre as familias, en particular sobre as mulleres, o coidado das persoas maiores", algo que cualifica de "intolerable". Mentres, repróchalle que non haxa "nin unha palabra para a sanidade pública na que as listas de espera non deixan de crecer, nin para a defensa dos dereitos das mulleres ante o machismo, nin para a situación crítica da lingua galega".

BESTEIRO CUALIFICA A MENSAXE DE RUEDA DE "FRÍA E CLASISTA"

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou a mensaxe de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "fría e clasista, que ignora os problemas reais da cidadanía e profunda na Galicia das desigualdades". Besteiro puxo o foco no feito de que, a pesar de que en decembro outra muller foi asasinada pola súa ex parella na comunidade autónoma, o presidente da Xunta "nin sequera tivo a dignidade de mencionar a loita contra o machismo ou a igualdade".

"Utilizou unha mensaxe institucional para facer unha publirreportaxe do seu goberno, pero cun silencio clamoroso ante un dos maiores dramas sociais que vivimos: a violencia machista, é intolerable que obvie esta realidade mentres Galicia segue sumida nunha profunda desigualdade de xénero", subliñou Besteiro. O líder socialista destacou tamén que a Galicia que describe o presidente no seu discurso é "allea á realidade da maioría". "É a mensaxe dunha persoa cunha visión acomodada, que fala desde o privilexio e ignora as necesidades máis urxentes da cidadanía".

"Galicia ten talento, capacidade e recursos, pero tras 15 anos de goberno, Rueda non soubo xestionar ese potencial que agora el mesmo recoñece". "Galicia ten peores indicadores que o conxunto do Estado porque a mala xestión e a inacción de Rueda frearon o desenvolvemento do país", argumentou. No ámbito educativo, Gómez Besteiro recoñeceu que a matrícula universitaria gratuíta é un paso adiante, pero lembrou que "o que custa estudar non se limita á matrícula e moitas familias seguen sen poder afrontar os gastos necesarios para que os seus fillos e fillas consigan unha educación superior".

Ademais, apuntou ás carencias no transporte público. "A ampliación da gratuidade do tren de proximidade por parte do Goberno de España é unha medida que milleiros de estudantes e traballadores agradecen, pola contra os autobuses interurbanos, responsabilidade directa da Xunta, seguen sen funcionar de maneira adecuada, limitando o acceso á formación e ao emprego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xantiago

O das badaladas con esa Sra. e ese sres. non ten nome :))))

1 Sentidiño

...e das badaladas de Gayoso, o que queda para o futuro é o "Altri non!" da xente que o arrodeaba. (El foi tan cínico coma sempre).