Emendada a avaría informática dos trens Avril despois de todo un día sen actividade e un custo de 1 millón de euros

O problema informático afectou os cargadores de baterías de Ingeteam e estaba relacionado co cambio de ano. O BNG pediu explicacións ao Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 02/01/2025 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Renfe informou na mañá deste xoves que se emendou a avaría informática dos trens Talgo Avril que afectou o día de onte aos corredores que unen Madrid con Galicia e Asturias, con Barcelona e Zaragoza, e coa Comunidade Valenciana e Murcia. Deste xeito, recupérase con normalidade a programación habitual nestas liñas. "Emendada a avaría informática dos trens Talgo Avril, a programación habitual recupérase con normalidade desde o inicio do servizo no tres corredores que unen Madrid con Galicia/Asturias, Madrid-Zaragoza/Barcelona e Madrid-Levante", informou a compañía nunha mensaxe na rede social X.

Talgo, pola súa banda, sinalou na mesma rede social que o problema informático afectou os cargadores de baterías de Ingeteam e que informou a Renfe esta mañá de que a avaría foi resolta. Segundo comunicou Ingeteam a Talgo, o problema destes equipos estaba relacionado co cambio de ano. "Tras detectarse onte a incidencia co arranque do día, Talgo comezou a traballar cos equipos de Ingeteam e, en colaboración con Renfe e Tarvia, para resolver o problema de comunicación cos cargadores de baterías", explicou Talgo, que subliñou que desde primeira hora deste xoves os trens estiveron a disposición do operador para poder cumprir co servizo.

Renfe indicou onte á noite que, se non se solucionaba a avaría, garantiría a operatividade e o servizo hoxe nos tres corredores afectados por unha avaría informática detectada desde as 7.00 horas do mércores en todos os trens Talgo Avril de Renfe, que deixou todos os convois deste modelo inoperativos. As circulacións previstas para este xoves en Talgo Avril son 36, con 19.430 potenciais viaxeiros. Os Avril, que se estrearon comercialmente en maio de 2024, conectan Madrid con Galicia, Asturias, Zaragoza, Barcelona, Valencia, Alacante e Murcia, en trens AVE e Avlo.

Tren Avril
Tren Avril | Fonte: Renfe - Arquivo

RENFE CIFRA EN 1 MILLÓN DE EUROS O CUSTO PARA A EMPRESA

O presidente de Renfe, Raúl Blanco, cifrou en 1 millón de euros o custo para a empresa pública da avaría informática dos trens Talgo Avril. Díxoo este xoves durante unha rolda de prensa na Conselleria de Territorio da Generalitat para presentar un Plan de medidas urxentes en Rodalies. Sobre o custo global da incidencia, entre o dos billetes anulados, modificados ou devoltos e o material e os equipos mobilizados, Blanco redondeou a 1 millón de euros a afectación para a compañía, un impacto "importante".

Ao preguntárselle se Renfe vai pedir compensacións a Talgo por estas incidencias, respondeu que non descartan penalizar á compañía pero que non están agora "neste punto". "A incidencia está resolta e estudaremos no marco da relación tan complexa e difícil que temos con Talgo se isto engade algún elemento máis ás penalizacións que xa ten", dixo.

Blanco remitiu ao fabricante sobre o porque da incidencia, e agradeceu o traballo dos equipos de Renfe para atender o problema. "Nun 1 de xaneiro tivéronse que mobilizar, desprazarse por toda España e ir solucionando a mobilidade dos viaxeiros, que para nós sempre son o máis importante. Onte garantiuse toda a mobilidade, pese a non contar con 23 trens, e hoxe a mobilidade está garantida porque estes 23 trens xa circulan", valorou.

O BNG ESIXE EXPLICACIÓNS AO MINISTERIO DE TRANSPORTES

O BNG esixiu explicacións ao Ministerio de Transportes pola avaría informática que este mércores 1 de xaneiro impedía a circulación dos trens Avril en Galicia, entre outros lugares. Así, o deputado nacionalista no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, avanzou o rexistro de iniciativas para coñecer a que se deberon as incidencias en época de alta mobilidade e que ocorreu cos trens Avril que "continúan acumulando varios problemas". "O Ministerio de Transportes debe demandar explicacións a Talgo, máis aló das que xa está a dar e, de ser necesario, asumir responsabilidades porque os Avril dsde que entraron en funcionamento están a dar problemas", reclamou. Os nacionalistas denuncian ademais a falta de comunicación de Renfe e as consecuencias que ten para os viaxeiros.

DIEGO CALVO LAMENTA QUE "A NORMALIDADE SEXA A EXCEPCIÓN"

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamentou que desde a chegada da alta velocidade e os trens Avril a Galicia "a normalidade converteuse nunha excepción" e esixiu responsabilidades ao Goberno central, ao que afea a súa falta de autocrítica. "Non hai día sen atrasos ou sen incidencias e, se temos que ser sinceros, chegado este punto, temos que dicir que pouco nos importan os motivos e moito as solucións e a prevención de situacións como a que se deu este mércores co fallo do software dos Avril", afeou.

O conselleiro esixe "seguridade, fiabilidade e respecto" para os galegos que viaxan en tren. "Galicia merece un transporte ferroviairo áxil e eficiente, á altura dos servizos que demanda a cidadanía coa implantación dos servizos e infraestruturas que demandamos ao Goberno central", asegurou. Calvo insiste en que cada día "saen a relucir" novos problemas, "con incidencias e atrasos case a diario". Así, ademais do atraso na posta en marcha e da falta de frecuencias e tempos comprometidos, apunta, "acumula impuntualidades e incidencias". Critica tamén que non se recuperaron as frecuencias anuladas durante a pandemia de Covid-19 e que non se achegaron os trens prometidos.

Así mesmo, pregúntase se é "casual" que o Goberno decidise anular as indemnizacións polos atrasos "xusto cando chega a alta velocidade a Galicia". "Eu quero pensar que si, pero visto o visto, todo indica que xa se sabía que o transporte ferroviario ía funcionar mal, moi mal, como por desgraza estamos a comprobar, e que o Goberno central non asumiría o problema como seu", argumenta. Para Diego Calvo, esta decisión demostra que o Executivo estatal "asume sen un chisco de autocrítica as súas deficiencias e asume que son os usuarios os que teñen que acatar as consecuencias da infinidade de problemas con que se atopan, sen marxe para reclamacións nin para compensacións".

Ante isto, volve esixir explicacións sobre estas incidencias "continuas" que considera que debería ofrecer o interlocutor con Renfe que o Goberno "comprometeu hai medio ano a designar" para manter á Xunta informada, "e do que non hai noticias". Lembra ademais que tampouco teñen noticias da constitución da comisión de seguimento do Corredor Atlántico, "tal e como prometeu o secretario de Estado de Transporte nunha das últimas reunións". Por último, e ante a comunicación "nula" do Goberno central, reitera a disposición da Xunta de Galicia de "man tendida e colaboración".

O PPDEG PIDE EXPLICACIÓNS NO CONGRESO

Os deputados galegos do PP presentaron unha serie de preguntas no Congreso dirixidas ao Goberno de España para que informe sobre a "grave incidencia" que afectou este 1 de xaneiro aos trens Avril S-106 que circulan nas liñas que unen Madrid con Galicia, para coñecer se se vai levar a cabo unha "investigación a fondo" e se se vai a compensar aos viaxeiros afectados, entre outras cuestións. Así, na pregunta rexistrada, os representantes 'populares' de Galicia lembraron que os trens quedaron inoperativos desde primeira hora da mañá e que esta "sorprendente avaría" ocorreu xusto nun día de 'operación retorno" de usuarios tras as vacacións do Nadal, o que supuxo "trastornos moi grandes" para, polo menos, 15.000 persoas.

Á marxe dos comunicados emitidos por Talgo e Renfe este xoves, os deputados galegos do PP sinalaron que "é imprescindible" que tanto o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable como Renfe "realicen unha investigación a fondo deste serio incidente". Respecto diso, o PP lembrou que unha situación como un cambio e ano é algo "absolutamente previsible, que debería estar perfectamente contemplado e resolto" e "non é admisible que toda unha frota de trens S-160 paralícese por un fallo informático". "É evidente que alguén non fixo ben o seu traballo e que os usuarios non poden ter a sensación de que viaxar nun tren Avril é facelo sumido na incerteza", trasladaron.

Por outra banda, lembraron que, desde a posta en marcha da alta velocidade entre Galicia e Madrid a normalidade no servizo dos trens Avril foi "unha excepción", e esixiron "seguridade" e "fiabilidade". Por todo iso, ademais de preguntar ao Ministerio pola apertura dunha investigación "a fondo", tamén cuestionaron ao Goberno sobre as compensións que Renfe dará aos miles de afectados, e sobre as medidas que se adoptarán "para asegurar que os usuarios dos trens Avril S-106 poidan facer as súas viaxes con seguridade e sobre todo con fiabilidade e puntualidade, sen verse afectados por reiteradas demoras ou suspensións de servizos".

O GOBERNO INSISTE NA "NORMALIDADE"

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, informou esta mañá que os técnicos de Talgo arranxaron a avaría e "parece que funcionan con normalidade". Respecto ao fin dos abonos gratuítos e que pasará despois, puxo o foco na medida en si, que estableceu o Goberno, e apuntou que se están levando a cabo estudos "para ver que vai pasar a partir de xullo".

FACUA ASEGURA QUE OS AFECTADOS TEÑEN DEREITO A INDEMNIZACIÓNS

A organización Facua-Consumidores en Acción destacou que as persoas que se puideron ver afectadas este 1 de xaneiro polos atrasos ou cancelacións sufridas polos trens Talgo Avril teñen dereito á devolución do billete ou a unha porcentaxe da súa contía, e a que se lles indemnicen os danos e prexuízos sufridos. Lembra aos afectados que se o seu traxecto se atopa entre os cancelados ou se se viron afectados por un atraso de polo menos 60 minutos (xa sexa na saída ou na chegada ao destino) están obrigados a ofrecer a todos os consumidores as seguintes opcións: o reintegro do importe total do billete, a continuación da viaxe en condicións de transporte comparables e canto antes, ou a continuación da viaxe ou a condución por unha vía alternativa, en condicións de transporte comparables, en data posterior que conveña ao viaxeiro.

Ademais, cando non se comunicaron ao viaxeiro as posibilidades de condución por unha vía alternativa dentro dos 100 minutos seguintes á saída prevista, o viaxeiro terá dereito a buscar unha alternativa e realizar o traxecto polos seus propios medios. Nestes casos, a empresa ferroviaria ten a obrigación de reembolsar ao pasaxeiro os custos derivados necesarios, adecuados e razoables. A asociación sinala que tanto a operadora pública (Renfe), como as operadoras privadas que circulan pola rede de ADIF (Iryo e Ouigo) teñen obrigación de cumprir estas obrigacións, recollidas no Regulamento (UE) 2021/782 do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2021, sobre os dereitos e as obrigacións dos viaxeiros de ferrocarril.

A normativa europea tamén establece que aos pasaxeiros afectados por un atraso ou unha cancelación (e aos que non se lles reintegrou o importe do billete) teñen dereito a indemnizacións. Así, o artigo 19 do citado Regulamento establece que dita indemnización debe ser do "25 % do prezo do billete en caso de atraso de entre 60 e 119 minutos" e do "50 % do prezo do billete en caso de atraso igual ou superior a 120 minutos". Facua sinala que estas indemnizacións son mínimas, e que non exclúen que as empresas ferroviarias poidan establecer as súas propias. No caso de Renfe, a indemnización será do 50 % do prezo do billete en caso de atrasos iguais ou superiores a 60 minutos, e da devolución do 100 % do prezo do billete se o atraso é superior a 90 minutos.

Ademais destas compensacións, os usuarios tamén ten dereito a reclamar outros danos e prexuízos que puidesen sufrir a consecuencia da cancelación ou o atraso do tren, que deberán ser valorados en cada caso. Neste apartado poden entrar a noite de aloxamento se perderon conexións por mor destas suspensións, outros billetes de transporte, etc. A normativa europea tamén sinala que, se o atraso é superior a 60 minutos, a empresa ferroviaria ten que ofrecer gratuitamente comidas e refrixerios, nunha medida adecuada ao tempo de espera. No caso de que o consumidor requira unha estancia dunha ou máis noites, a empresa ferroviaria deberá proporcionar tamén aloxamento nun hotel ou outro lugar, e transporte entre a estación de ferrocarril e o lugar de aloxamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta