Así despide Pontón o ano 2024, chamando a loitar polo galego: "Non imos permitir que ninguén nos roube o noso idioma"

Nunha mensaxe desde Santiago, a líder do BNG reivindica a Galicia "feminista" e que "pelexa polo seu futuro" como na súa oposición a Altri.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2024 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento a defender o galego para que "ninguén roube" o idioma propio de Galicia na súa mensaxe de fin de ano, na que reivindicou a Galicia "feminista" e que "pelexa polo seu futuro" como na manifestación contra Altri do pasado 15 de decembro. Desde o monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago, a líder nacionalista diríxese aos galegos este luns 30 de decembro para manifestar o seu compromiso con traballar "sen descanso" para "construír unha Galicia mellor".

"Quero empezar por darvos as grazas, grazas de corazón pola vosa confianza e polo voso apoio que nos permite ter máis forza que nunca para traballar por unha Galicia mellor, onde podamos facer realidade os nosos soños", subliñou Pontón no seu vídeo no que despide o ano no que o Bloque logrou o seu mellor resultado histórico nas eleccións autonómicas de febreiro. Así, enxalzou a Galicia "feminista e de mulleres libres e iguais" como a que "defendía Rosalía", que deixou o seu legado de poesía universal en galego, un "profundo amor" pola lingua "herdada" de nais e que Pontón apela a "legar" a fillos e netas.

"Non imos permitir que ninguén nos roube o noso idioma", aseverou Pontón, que reafirma o seu "profundo orgullo" de ser galega e formar parte de "un pobo" de "xente honesta e traballadora que loita polo que é xusto", entre o que destacou a sanidade e educación pública, o dereito a unha vellez digna ou o dos mozos a "facer realidade os seus proxectos de vida". "Síntome orgullosa de formar parte dunha cidadanía que pelexa polo seu futuro, como vimos estes días cando miles de persoas nos unimos contra esa bomba ambiental que nos queren colocar no corazón de Galicia", incidiu en alusión á manifestación de decembro en Santiago.

Tras reivindicar que as "vidas" dos galegos "son moito máis importantes que calquera multinacional" e que as futuras xeracións "merecen" que se coide o territorio e o medio ambiente, Pontón comprométese a non "escatimar esforzos" para "achegar solucións" ante as "moitas dificultades" ás que "cada día se enfronta a maioría social". Neste sentido, sinalou os salarios que "cada vez dan para menos" co "custo da vida e o prezo da vivenda disparados" ou as listas de espera "que non deixan de crecer, con miles de nenos e nenas sen pediatra".

Desta forma, apelou a construír "unha Galicia mellor que poña ás persoas no centro", na que "cada quen poida amar e ser o que queira ser", se fomente o "talento" dos seus creadores e, en definitiva, "siga desmostrando" que é "capaz" un pobo que se preocupa do que ocorre dentro e fóra do seu territorio porque "ningunha causa" lle é "allea". "Por iso dicimos da Terra ao mar, Palestina vencerá; por iso defendemos a paz e o respecto para todos os pobos do mundo, que teñen dereito a decidir libremente o seu destino", remarca Pontón na súa mensaxe, que pecha, antes de desexar un feliz 2025, co seu compromiso a dar "o mellor" de si para estar "á altura" da sociedade galega seguindo o exemplo de Rosalía "e todas as mujerse que nos ensinaron a avanzar".

Ana Pontón desde a Alameda de Santiago na súa mensaxe de fin de ano
Ana Pontón desde a Alameda de Santiago na súa mensaxe de fin de ano | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta