Cortes de Muar, o queixo galego mellor vestido

Esta pequena queixería familiar de Silleda está logrando un gran éxito nas redes sociais apostando polo "cool-packaging" e por novos tipos de queixos que xa foron premiados no World Cheese Award. Entrevistamos a Germán García, un dos propietarios.

Por GCAgro | Negreiros (Silleda) | 31/03/2014 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Cortes de Muar é unha pequena queixería situada en Negreiros (Silleda-Pontevedra). Foi retomada hai ano e medio polos irmáns García, Germán e Rita, para darlle continuidade á queixería dos país, pero apostando por producións pequenas e de gran calidade e por novos tipos de queixos. A utilización das redes sociais e unha presentación do produto novidosa e orixinal, o chamado cool packaging. O ano pasado conseguiron alzarse coa medalla de prata na World Cheese Award, as olimpiadas do queixo celebradas en Birmingham (Inglaterra).  

Queixos 'Mimosa' de Cortes de Muar.
Queixos 'Mimosa' de Cortes de Muar.

Entrevistamos a Germán García, un dos propietarios de Cortes de Muar.


Como naceu Cortes de Muar?
Fai 20 anos os meus pais tiñan unha explotación de gando e co obxectivo de pechar o ciclo tamén construíron unha pequena queixería. Pasaron os anos, e entre que os dous fillos fomos traballar fóra e se produciu a crise do sector leiteiro, os meus pais decidiron vender as vacas e seguir só coa queixería. 

Veu a crise destes anos, tanto eu como a miña irmá traballábamos noutros sectores, e como os meus pais se ían xubilar plantexámonos que facer coa queixería. En concreto, preguntámonos se seguíamos vendendo queixo a nivel local ou non, e entón decidimos apostar por mantela pero xerando un pouco máis de valor engadido porque senón era inviable economicamente.

Ademáis, sentíamos unha responsabilidade tanto por manter o patrimonio cultural que é unha queixería como porque grazas aos queixos os meus pais puideron vivir e darnos estudos. 

O que fixemos entón foi tanto afinar a selección do leite, como o packaging ou presentación do produto e tamén as canles de comercialización. 

Qué tipo de queixo facedes? 
Seleccionamos explotacións de leite baseadas en pastoreo, non na cría industrial, e apostamos por facer pequenas produccións de gran calidade. Deste xeito, o noso queixo é suave e cremoso e con dúas variedades: leite pasteurizado e leite cru. Unha parte da produción facémola con certificación ecolóxica. 

Sen embargo, vimos de sufrir un proceso algo traumático para nós, porque nós non estamos dentro da Denominación de Orixe Queixo de Tetilla, pero ten protexida a forma. E a nosa punta de lanza cando saímos foi vestir un tipo de queixo cunha forma similar, que lle chamamos Marela. E a DO obrigounos a parar a produción de queixo de tetilla ,e centrámonos soamente en queixo país. 

"Para unha queixería pequena é fundamental a diferenciación e as Denominacions de Orixe non se axustan moito"

Entendemos que as DO nos encorsetan un pouco, están máis orientadas cara á produción industrial, e supón moitos trámites burocráticos para unha queixería pequena como a nosa.  

Germán e Rita, copropietarios de Cortes de Muar
Germán e Rita, copropietarios de Cortes de Muar | Fonte: GC

Estamos tamén nun momento no que é clave a diferenciación, e para nós é cuestión de supervivencia xa que temos un pequeno tamaño. E unha DO para nós pon todos os produtos no mesmo nivel, cando nos apostamos pola diferenciación. 

Para facerse unha idea do noso tamaño,  estamos procesando uns 3.000 litros á semana dos que producimos uns 300 kilos de queixo. 

Onde vendedes os vosos queixos? 
Traballamos a través da venda en internet, por unha parte, e por outra en tendas gourmet. 
En concreto, estamos nun market place vasco, Hermeneus, e nel cada pequeno productor ten o seu espazo virtual. As vendas está sendo regulares pero si funciona moi ben de cara á promoción e a repercusión mediática. As redes sociais tamén nos están servindo moito para este tipo de promoción, e pouco a pouco vanse transformando en vendas nas tendas físicas. 

"Transmitimos emocións a través do envase dos nosos queixos"

-A presentación do voso produto está a ter moito éxito. Cal é a clave? O packaging quere facer unha homenaxe ás vacas, á orixe do produto. Transmitimos emocións a través da presentación do produto e iso fai que teñamos éxito nas redes sociais e tamén nos medios de comunicación. É o que se chama cool-packaging no que produtos de toda a vida tradicionais se presentan dunha forma emotiva e orixinal que os fai chegar ao público máis urbano. No noso caso, unha queixería pequena, permitiunos entrar en revistas como a de Ana Rosa Quíntana e saír en moitos medios de comunicación.  

- Fáltanos aos galegos saber vender os nosos produtos?
Si que sabemos vender , o que non temos é pasta e recursos para facelo. Se lle damos a calquera empresa de Galicia recursos si que saberá vender.

En Cortes de Muar levamos ano e medio e estamos moi contentos polos resultados de creación de marca, que é clave, pero as vendas aínda tardan pero van chegando. O noso proxecto é medrar en calidade, non en grandes volumes de vendas.

-Ten Galicia moita máis potencialidade de queixos que os tradicionais?

Por suposto. Nós ademais de queixo pais, queremos ir a queixos de autor e diferenciados, tanto no tempo de curación como nas formas e no tipo de elaboración. Por exemplo a medalla de prata que gañamos no World Cheese Award en Inglaterra o pasado ano foi cun queixo que está baseado na receita do Cheddar británico e dámoslle unha codia de manteiga de vaca e unha curación de 8 meses. E ten uns sabores moi diferentes ao que estamos acostumados. Aínda non o estamos comercializando, pero este ano esperamos presentar estes novos tipos de queixos. 

 -Neste momento de crise están nacendo iniciativas novidosas en Galicia vinculadas ao sector primario. Que destacarías como peza clave para saír adiante?
Unha pata moi importante neste proxecto é a cooperación. Están nacendo moitas iniciativas relacionadas co sector primario e estamos cooperando máis que xeración anteriores, tanto intercambiándonos clientes, compartindo viaxes..etc. e esa é  a base para saír adiante. E sae da iniciativa privada, non da administración. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Arquiveiro

Interesante proxecto, haberá que probar eses queixos. Moita sorte!

2 eueu

Moi orixinal que roza o subversivo. Xenial. E a PPaifocada eliminou a web que Industria tinha para vender produtos galegos, asi que estes mozos tenhen que vender mediante unha web basca! PP ao PParo!

1 unlabrego

Moita sorte!!