Confirmado un cuarto caso da variante ómicron en Galicia

É o primeiro na área sanitaria da Coruña-Cee, que se suma aos tres xa coñecidos na de Vigo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/12/2021 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade confirmou na tarde deste sábado o cuarto caso da variante ómicron do coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia. É o primeiro da área sanitaria da Coruña-Cee, que se suma ao tres xa coñecidos na de Vigo.

Un home sométese a un test de antíxenos
Un home sométese a un test de antíxenos | Fonte: Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press.

Os dous primeiros casos desta cepa --un deles, dunha persoa que viaxara a África-- foron anunciados este venres polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. Entón, aseguraba que había outros 10 positivos en covid-19 en estudo porque podían corresponder coa nova variante.

Xa este sábado, o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, confirmaba a terceira infección por ómicron --tamén na área sanitaria de Vigo--, á vez que aseguraba que se trata de "casos leves, polo menos os que se coñecen".

O cuarto caso, o primeiro na área da Coruña-Cee, foi notificado na tarde deste sábado pola Consellería de Sanidade e correspóndese cun paciente que está asintomático, tal e como aseguran fontes deste departamento.

Ademais, hai varios positivos por coronavirus que están en estudo, tanto na área coruñesa como na viguesa, porque poderían tratarse desta nova variante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta