O PSOE advirte que a privatización da recollida de lixo da Deputación de Ourense "encarecerá" o servizo

Rafa Villarino afeou que o servizo non se mellorará "recortando ata o punto de suprimir por completo" os colectores dalgunhas aldeas ou reducindo as recollidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2021 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Deputados provinciais de Ourense mantiveron un encontro con alcaldes e representantes comarcais para mostrar o seu "rexeitamento frontal" á privatización do servizo de recollida de lixo da Deputación, dado que esta decisión "encarecerá e empeorará notablemente" este dispositivo. A proposta debaterase este venres no Pleno da institución.

Os socialistas trasladaron a súa sopresa sobre algúns postulados, como que "chegan a falar dunha cifra de negocio de explotación de servizo de 200 millóns de euros externalizándoo a todos os concellos da provincia".

Rafa Villarino, o portavoz da formación, afirmau que a proposta é "máis cara que cunha xestión pública con recursos da propia Deputación", trasladando que os técnicos determinan un custo actual anual de 5.4 millóns que subiría a 5,7 co servizo privatizado.

"Parece claro que PP e DO buscan recortar para privatizar en lugar de impulsar para mellorar", lamentou o partido desde onde critican que os informes inciden "no estado calamitoso e catastrófico do servizo" falando mesmo de "persoal excesivo".

Nesta mesma liña, Villarino destacou que os informes técnicos rexeitan a fórmula dunha empresa mixta porque "queren facer o servizo o máis atractivo posible para as empresas privadas". Por iso criticou que a administración pública tería que estar para defender os intereses dos veciños e "non para buscar negocio".

Deste xeito a formación solicita que o servizo público "se adapte e mellore" para as necesidades actuais da provincia, pero reclaman que non se conseguirá "recortando ata o punto de suprimir por completo" os colectores dalgunhas aldeas ou deixándoos pero reducindo as recollidas. "Dicirlles a persoas maiores que terán que desprazarse porque non terán colectores ou ás persoas con rendas máis baixas de España que terán que pagar máis non son boas noticias", esgrimiu Villarino.

Así pois, comprometéronse a estudar posibles alternativas porque aseguran rexeitar "frontalmente a proposta" e tamén porque, afean, "non houbo nin mesa de negociación cos sindicatos nin cos grupos políticos". "O talante democrático desta Deputación de Ourense está posto en cuestión e o servizo de recollida de lixo é un exemplo máis", sentenciaron.

O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. PSOE OURENSE
O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. PSOE OURENSE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta