O apalpador entrega ao Goberno 10.000 sinaturas a prol da igualdade lingüística na nova Lei do Audiovisual

As sinaturas recollidas pola Mesa pola Normalización Lingüística piden a igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2021 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

"O Apalpador quere agasallar audiovisual en galego, e por iso lle fai entrega ao Goberno español destas sinaturas que representan a vontade que ten a poboación galega de vivir en liberdade na súa lingua". Así se expresou Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, esta mañá nun acto celebrado fronte a delegación do Goberno central na Coruña. Aí entregaron as 10.000 sinaturas recollidas pola Mesa pedindo a igualdade para a dobraxe e a lexendaxe en galego na nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, dentro da Iniciativa 'Netflix en galego: queremos todo o audiovisual na nosa lingua'.

A Mesa pola Normalización Lingüística entrega a través do apalpador 10.000 sinaturas pola igualdade entre as linguas na nova Lei do Audiovisual.
A Mesa pola Normalización Lingüística entrega a través do apalpador 10.000 sinaturas pola igualdade entre as linguas na nova Lei do Audiovisual. | Fonte: remitida

As persoas asinantes instan a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a incluír as medidas a favor da lingua galega acordadas por unanimidade no Parlamento Galego. Isto é: que a nova Lei Xeral do Audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda. Tamén que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos contidos da súa App.

A nova Lei do Audiovisual comezarase a debater en febreiro e, na consideración de Marcos Maceira: "É posíbel un grande avance, mais dependerá do que nos activemos e nos mobilicemos...Todos os avances para o galego foron conquistas que se acadaron nas rúas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta