Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 14:30
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, adxudicou por máis de 15 millóns de euros as obras de execución e posta en marcha da planta de biorresiduos no municipio de Vilanova de Arousa, que está previsto que empezo a funcionar desde finais deste ano.
As empresas beneficiarias desta adxudicación, cofinanciada polos Fondos FEDER da Unión Europea, son: UTE Cespa Compañía Española de Servizos Públicos Auxiliares, S.A-Arias Infraestruturas, S.A-Petrolam Infraestruturas, S.L-Prace, Servizos e Obras, S.A.
A instalación integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para garantir que a maior parte dos concellos adheridos a Sogama poidan acceder á valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost. Para isto, e conforme á normativa vixente, quedan obrigados a implantar antes de 31 de decembro de 2023 a recollida diferenciada da materia orgánica a través do colector marrón.
A planta de Vilanova contará co apoio de 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica. En total serán 17 as instalacións coas que se dará cobertura á maior parte do territorio galego, desta forma os municipios contarán cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
SERVIZO PARA 26 MUNICIPIOS
A instalación localizarase no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e dará servizo a 26 municipios.
Contará con capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e outras 7.000 de podas e restos de madeira. Prevese que produza preto de 6.000 toneladas de compost ao ano, que se destinará ao sector agrícola como abono natural.
A planta integrará a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, que levará a cabo en naves pechadas, comprendendo todas as fases do proceso, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas. A operativa industrial alimentarase, no seu maior parte, con enerxía renovable a través de paneis solares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.