Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 16:21
Galicia lembrou como cada 5 de xaneiro a figura dun dos seus escritores máis recoñecidos, Ramón María do Valle-Inclán, de cuxa morte se cumpren 86 anos este mércores.
Autoridades e persoeiros, entre elas o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e representantes das corporacións de Santiago e Vilanova de Arousa, participaron na homenaxe anual que se realiza cada 5 de xaneiro ante a sepultura do autor no compostelán cemiterio de Boisaca.
O acto, que contou coa presenza de Xaquín del Valle-Inclán, un dos netos do escritor nado en Vilanova de Arousa, realízase no camposanto santiagués desde mediados dos anos 1980.
Alí, o conselleiro de Cultura enxalzou a figura de Valle-Inclán como a dun "galego ilustre" que "levou o nome de Galicia polo mundo enteiro" e cuxa obra "continúa plenamente vixente".
A homenaxe serviu de recordo para outro galego ilustre, o artista Isaac Díaz Pardo, falecido tamén un 5 de xaneiro --de 2012-- e cuxos restos descansan no cemiterio de Boisaca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.